Formulario de busca



Nestes tempos onde revisitamos as nosas prioridades, a música emerxe como esa compañeira necesaria que pon banda sonora as nosas biografías. Nela escollemos as coordenadas que constrúen memoria, sentimentos, sensacións, fuxidas, soños e tamén as outras vidas que decidimos non vivir. A soidade mírase elegante nos seus acordes, sinalando un antídoto en cada abstinencia. Para que todo isto pase, alguén ten que rexistrar o son e, nese facer, achegar honestidade, paixón e unha voz propia. 

Secho cumpre con eses requisitos dende que no 2009 decidiu regalarse á xente, enganando a súa timidez mentres abría un concerto dos Medomedá  no Pub TNT de Compostela. Polo camiño quedan unha restra de bolos, colaboracións con músicos e poetas e un meritorio primeiro traballo discográfico, "Xa fai un tempo", publicado por Discos da Máquina no 2016.  

Nestes días estraños onde as cousas pequenas cotizan alto na bolsa de valores do tanxible, el exerce de ourive dun universo onde o seu facer son notas que viaxan nunha jukebox ao noso rescate. 

No seu planeta con epicentro en Dodro non hai lugar para etiquetas estilísticas e lugares comúns máis si dúas condicións. Rodearse de bos músicos e facer boa música.  

Un nunca sabe cando é o momento para ceibar as cancións pero si como hidrata o espírito poder recibilas e facelas nosas. O seu novo traballo a cabalo do 20 e o 21 promete non deixar a ninguén indiferente, transformándose como a enerxía en anacos de vida, discos, stories, videos e concertos. 

Hai anos, alguén definiu a intuición como "nada máis e nada menos que saber recoñecer". A miña intuición di que Secho chegou para ficar nun lugar destacado da música do país, e sobran os motivos para entre todas poder celebralo.

 



Máis artistas do catálogo

Andy Snatch

+ INFO

Os Monifates

+ INFO

Amparanoia

+ INFO

Margarida Mariño

+ INFO