Culturactiva ten o pracer de convidarvos a Papar sen Cancelas, un delicioso espectáculo onde poderedes deleitarvos cunha exquisita selección gourmet do mellor humor galego. Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei son tres linguas soltas, linguas hábiles, linguas deslinguadas e, como os mellores menús, linguas para todos os gustos! En Papar sen Cancelas poderedes presenciar as artes de tres anfitrións cómic@s preparando a Gala de entrega dos Premios Lambós do Ano, unha cerimonia na que teñen cabida desde as figuras máis sobranceiras do panorama galego actual en diversos eidos – cultural, político, científico e social - ata un menú plurilingüe, pasando por unha longa serie de situacións cómicas que, dalgún xeito, nos definen como pobo asentado neste recuncho da península Ibérica. E como bonus track, a presentación do Trío Cicloxénese, unha banda de techno galego que amenizará a gala coa súa música en rigoroso directo. E todo isto pasado pola peneira deste trío de cómic@s xa clásico, que inclúe a crítica ácida, a loucura (case) sen límites e a improvisación continua. Comedia de alta cociña sobre a galeguidade. Reflexión cómica sobre como somos. Porque en Galicia cómese ben, mais rise e fálase aínda mellor! Donas e cabaleiros, papemos sen cancelas. Bo proveito.