Peor imposible é a madurez dun pallaso irreverente, falcatrueiro, inconformista e politicamente comprometido. Isaac Rodríguez métese de novo na pel de Peter Punk, que para moitos é o mellor pallaso galego do momento, para enfrontarse á realidade a golpe de humor e cun chisco de mala baba. No seu cuarto espectáculo consolida tamén a súa colaboración con Walter Velázquez, prestixioso dramaturgo arxentino director de montaxes do Teatro Nacional Cervantes de Bos Aires. O pallaso galego e o director arxentino teceron fermosas imaxes e complexos equilibrios cos comentarios acedos característicos deste personaxe, ata construír un espectáculo irreverente e comprometido. Humor retranqueiro, números participativos, equilibrios con nove paraugas, un impactante circuíto da morte e un evocador final cun arriscado equilibrio son algúns dos fíos dos que está feito Peor imposible, unha proposta clown nacida en Galicia e punteira a nivel internacional e que continúa coa traxectoria deste grande do clown, con máis de 1000 actuacións ás costas e recoñecementos como o Premio Festiclown Rivas-Vaciamadrid de 2014.