Formulario de busca

NOVAS

Rosalía chega aos teatros galegos este mes de febreiro

Teo, 5 de febreiro de 2020.- Rosalía, a primeira obra de teatro sobre a infancia da poeta galega, tivo esta mañá en Teo o seu primeiro encontro cos escenarios e co público, nunha preestreaa para escolares previa ao percorrido polos teatros galegos que comeza con forza este mes de febreiro. A montaxe, que ofrece ao público familiar unha imaxe distinta da autora de Cantares Gallegos, ten confirmadas para este mes de febreiro funcións en Lugo (o 15 de febreiro), Vilagarcía (o 18), Melide (o 20), A Coruña (o 22) e Cerceda (o 27). Tamén está confirmado o seu paso por Vilalba, o 22 de marzo; Viveiro, o 16 de maio; Ourense, o día das Letras; e Narón, os días 10 e 11 de novembro.

 

A infancia de Rosalía de Castro é a protagonista desta nova producción de Culturactiva, unha montaxe destinada a público infantil e familiar e que recrea a vida da escritora nun dos seus momentos de cambio fundamentais para a súa vida, o traslado desde Padrón a Santiago de Compostela. A escritora galega ten sido protagonista de obras no teatro, pero esta é a primeira oportunidade en que o público pode encontrarse coa nena que foi. Rosalía adéntrase na infancia dunha nena fantasiosa e rebelde que imaxina o mundo e pon a xogar ás palabras. Fina Calleja dirixe un texto de Nate Borrajo, interpretado por Cristina Collazo e Rocío González.
 
Para a directora da obra, Fina Calleja, a intención “é poñer diante dos espectadores a imaxe dunha Rosalía nena, pero moi lonxe do estereotipo dominante dunha Rosalía triste ou melancólica”. Calleja, que ten dirixido espectáculos familares con compañías como Sarabela, sinala que a obra ten como protagonista a unha “espilida, faladora, rebelde, que lle gusta moito xogar e que ten os caprichos e o humor de calquera nena”. “Gústanlle as palabras e o chocolate, ten moita vitalidade e penso que por aí é por onde se achegará aos espectadores”.

Nate Borrajo, autora do texto, engade aínda outra das características desta montaxe, “é un xoguete teatral, unha peza que desde os xogos dunha nena sirve para achegarse a unha das grandes escritoras da literatura universal”. Para a autora “o xogo, as cancións, a maneira en que a protagonista fai xogo de palabras é unha ponte para achegarse a Rosalía de Castro”. A escritora e actriz realizou un traballo de investigación previo á escrita da obra na bibliografía sobre a escritora galega.

A obra inicia no momento en que Rosalía ten que deixar a aldea e marchar para Santiago de Compostela. É un cambio difícil para quen disfruta coa vida natural, para unha nena afeita a vivir poñendo a xogar as palabras e inventando mundos e ditos. Rosalía é unha nena e xa está preparada para marchar, ten os baúles preparados, pero ela non está convencida da decisión. Para Cristina Collazo, actriz que interpreta a esta Rosalía infantil, “é un momento de cambio na vida dunha cativa”, explica tamén que “Rosalía esta afeita a esa vida da aldea e por unha banda non quere marchar, pero tamén quere saber que hai en Santiago”. Cristina Collazo sinala que é unha responsabilidade para ela “poñerlle corpo a un personaxe tan importante para Galicia”, pero considera que esta Rosalía que interpreta “está ligada á imaxe da escritora que se foi descobrindo nos últimos anos: unha muller decidida, activa e que mirou pola defensa de quen o pasaba mal”. Como Fina Calleja, Collazo sinala tamén que esta á histora “dunha nena a quen lle gustan as cancións, as rimas, cantar, e esconderse no faiado”.

 

A obra ten como vocación rescatar para o público máis novo a infancia da escritora, explicando o seu carácter como unha nena creativa, inconformista, lectora, activa e rebelde ás cousas que considera que non son xustas. Valores que forman parte da obra de Rosalía de Castro e que a rapazada só pode chegar desde a súa explicación adulta. A poesía, a música e a creatividade da nena que será unha das grandes escritoras universais son os argumentos da peza para que os espectadores e as espectadoras novas se acheguen á biografía e Rosalía sen deixar o carácter infantil: xogos de palabras, música popular e o cambio de vida que a protagonista terá que facer como paso dunha etapa a outra da súa vida. Un cambio que na obra ten como reflexo unha grande parte de diversión e outra de transmitir as sensacións da protagonista coas que os rapaces de entre nove e doce anos poden sentirse identificados.
 
Rocío González reparte o seu tempo en escena entre a compañeira de xogos de Rosalía e máis a súa coidadora, un papel infantil e outro adulto. Para esta actriz “Rosalía” vai sorprender ao público, “tanto ao infantil como ao adulto”, pola mesma “imaxe dunha que quizais non teñan asociada á poeta, pero a obra explica que Rosalía foi unha nena como todas e quizais a primeira sorpresa para os espectadores é ver a Rosalía como a cría que foi, cos xogos e as desobediencias”

 

Ver Vídeo

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS

Fado Violado en Redondela

Redondela
04-04-2020
Horario pendente de confirmación

O Mago Teto en Ourense

Ourense
05-04-2020
Horario pendente de confirmación

Cé Orquestra Pantasma nas Neves

As Neves
10-04-2020
12:30

Os Monifates nas Neves

As Neves
11-04-2020
12:30

Culturactiva Producións en Vimianzo

Vimianzo
18-04-2020
Horario pendente de confirmación

Píscore en Cee

Cee
18-04-2020
20:30

Pallasos en Rebeldía en Gran Canaria

Las Palmas
24-04-2020
11:30



MÁIS NOVAS EN CULTURACTIVA.ORG