Formulario de busca

NOVAS

Culturactiva programa en Sanxenxo un verán cheo de música, circo e artes escénicas

O Concello de Sanxenxo propón unha espectacular oferta de programación cultural para este verán, da man de Culturactiva, que abrangue algunhas das compañías máis destacadas da escena das artes do circo internacional e estatal, con premios e recoñecementos de primeiro nivel; artes escénicas para todos os públicos, espectáculos de maxia e moito máis; e actuacións musicais tan destacadas coma a da banda Caxade ou o trío Vaamonde, Lamas & Romero, que actuarán o martes 8 de agosto en Portonovo coa Banda de Sanxenxo, nun concerto exclusivo coa agrupación local onde recuperan os temas do disco O tambor de prata, de homenaxe aos Trinta de Trives.

O trío que integran Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero interpretarán os temas do seu disco O tambor de prata, cunha proposta escénica na que se repasa un repertorio composto exclusivamente por temas dunha formación única na historia de Galicia: Os Trinta de Trives. Ofrécennos a súa particular visión cómica e desprexuizada deste cuarto que triunfou hai máis dun século aquí e alén das nosas fronteiras, cuxa traxectoria resulta ser un conxunto de anécdotas e vangardismo. Para Vaamonde, Lamas e Romero os de Trives impulsaron un concepto que precisa ser reivindicado: o cosmopolitismo da montaña ourensá. Ademais, neste concerto estarán acompañados pola Banda de Música de Sanxenxo, nun evento moi especial que será do gusto de todo o público local e visitante.

A parte musical ten unha presenza destacada na programación: a outra pata da mesma é o concerto da banda de Alonso Caxade, cos temas do seu último traballo E isto é o amor, estará o 20 de xullo en Sanxenxo. No segundo disco de estudio e terceiro da banda, que tamén integran Manu Paino na trompeta, Manu Espinho no bombardino e Xosé Tunhas á batería, Caxade presentan un directo poderoso e envolvente que non deixa a ninguén indiferente. A consolidación dun son e dunha voz que insufla aires pop na música tradicional galega.

O máis destacado do circo internacional, do Brasil a Asturias

Ademais da música teñen moito peso as artes escénicas, e entre as variadas propostas da programación estival de Sanxenxo atopamos o máis salientable do panorama do circo internacional, e algunhas das máis destacadas a nivel estatal polos seus premios e recoñecementos: a programación abre esta semana cos Sete Magníficos Máis Un, o xenial dúo cómico que integran Fran Rei e Pedro Brandariz, coñecidos polas súas intervencións no Luar e unha chea de espectáculos para todos os públicos, o xoves 13 de xullo. Serguirán os ripenses Kanbahiota, o venres 14 en Portonovo. O seu espectáculo Vaya circo! conxuga espectaculares acrobacias aéreas, sobre mástil chinés ou co aro cyr co humor que caracteriza a compañía: Abraham Pavón, Rossina Castelli e Anselmo Lobezno interpretan aso clásicos pallaso branco, augusto, diva e “machote”. Un espectáculo que foi premiado no festival MYAU de Albendiego, Guadalajara.

Tamén en Portonovo, xa o día 21, Circo Chosco, o dúo integrado por Óscar Páez e Ariñe Azkue presentan Forzu2, na mesma liña de combinar circo e clown. Nesta ocasión, no espectáculo mestúranse “halterofilia”, acrobacias e portés coas pallasadas deste dúo. O seguinte venres, o 28, e tamén en Portonovo, será a quenda da maga Mandarina, arxentina residente en Galicia, que en Mi abuelo es mago presenta unha nena traste que enreda entre as cousas do seu avó, mago, dispostas no camarín, e requerirá a axuda do público para que a axuden a probar trucos.

Entramos xa en agosto cunha compañía de renome internacional de novo, Alas Circo, que o día 4, xa en Sanxenxo, presenta o seu Circo Alas, que combina novamente humor e sorpresa. Juan Manuel Sánchez e Txutxu Buffa presentan un show onde medra a expectación ao iren abrollando as esencias, as lembranzas do vello circo: o arrecendo dos flocos, o “máis difícil aínda”, a trapecista coqueta, un Augusto e Carabranca, unha pista baleira e todo por facer.

Xa o día 11, a compañía asturiana Vaques presenta Ye orbayu, un cabaret onde as cousas se suceden coma esa choiva miúda, mais constante, da que tanto sabemos en Galicia e en Asturias. Coma o orballo. José Luis Redondo e Jorge Albuerne presentan unha proposta de circo que combina humor, equilibrios, acrobacias en bicicleta, mástil chinés e moitas outras disciplinas.

Por outra banda, en Sanxenxo será o xoves o día que se programen espectáculos: o mago Dani García presenta o seu Código o día 29 de xullo. Código é un espectáculo de rúa sobre a comunicación, pensado para que persoas de calquera idade poidan participar e gozar. Unha hora de maxia inventiva e persoal na que seguro os aplausos estarán acompañados das risas e as bocas abertas.

Tamén en Sanxenxo o 3 de agosto a compañía Píscore presenta o seu Concerto singular. Que pasa cando se xunta a catro virtuosos músicos (Félix Rodríguez, Pepe Cabanelas, Pepe Varela e Diego Rosal, dirixidos por Fran Rei), e teñen que compartir unha única marimba? Coas súas dezaseis baquetas e catro pares de mans, despois de varios enredos e tolerías, conseguirán que incluso soe ben.

E xa o 10 de agosto, a programación remata en Sanxenxo coa compañía brasileira Circo no Ato e o seu terceiro espectáculo, A salto Alto, resultado dun proceso de creación dun ano entre a Central del Circ en Barcelona, no Circo Crescer e Viver, e na Escola Nacional de Circo. Coa dirección de Roberto Magro, o espectáculo mestura fantasía e sátira e cuestiona a busca de bens materiais: sete persoas sen nada no peto, pero con bagaxes cargadas de liberdade, represión, valores, colonización e transgresión, que ao teren acesso a outro xeito de vivir íspense das súas experiencias para viviren esoutra realidade. Profánanse os arquetipos da fábula da Cinsenta: fada madriña. madrastra, irmastras, príncipe, baile, badaladas de media noite, zapato de cristal... Para representar o consumismo desenfreado desta sociedade e as súas consecuencias, as representacións frívolas das mulleres como obxecto, mais tamén toda a súa independencia e forza.

 

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS



MÁIS NOVAS EN CULTURACTIVA.ORG