Formulario de busca

NOVAS

Guadi Galego xira por Galicia, Madrid e Barcelona

Sete concertos nos principais teatros galegos e tamén en Madrid e Barcelona conforman a xira de presentación d'O mundo está parado (FOL Música, 2016), terceiro traballo en solitario da artista Guadi Galego. Nos próximos meses poderemos vela no Rosalía de Castro na Coruña, o Pazo da Cultura de Narón, o Círculo Recreativo e Cultural do Porriño e os Teatros Principais da Estrada e Compostela, onde pecha a xira recuncando no SantiAutor.

Despois dos impresionantes concertos cos que presentaba O mundo está parado en decembro, no Concerto de Nadal no Teatro García Barbón de Vigo e no Auditorio Municipal de Cedeira, da estrea absoluta en Portugal, nos Arcos de Valdevez, en xaneiro, e da Gala do Cocido de Lalín en febreiro, marzo vai ser un mes intenso para O mundo está parado: o 7 Guadi Galego actuará no Teatro Rosalía de Castro da Coruña ás 20.30 (pódense obter aquí as entradas), e o día 8, no marco da programación do Concello para o Día Internacional da Muller Traballadora, actuará no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño. Despois viaxará a Barcelona, onde participa, xa o día 16, no Ciclo Delicatessen, nun concerto na Antiga Fàbrica de Estrella Damm, ás 20 horas.

O 18 estará de volta no Teatro Principal da Estrada, e o 25 no Pazo da Cultura de Narón, para o que se poden reservar as entradas aquí. O 7 de abril viaxa até Madrid, onde dará un concerto no Café Berlín (velaquí as entradas), e xa o 12 de maio volve actuar en Galicia, recuncando no SantiAutor, no Teatro Principal compostelán, un ano máis. Neste caso, as entradas pódense obter en Abanca.

O espectáculo

No ano 2016, ano en que recibiu o Premio Martín Códax da Música á mellor artista na categoría de canción de autor, Guadi Galego presentou O mundo está parado (FOL Música, 2016), o seu terceiro álbum en solitario. Dez temas redondos para deter o tempo, con letras que viaxan do persoal á reflexión colectiva sobre cuestións como a identidade e a coherencia: seis da súa autoría, tres de Carlos Abal e un de Pachi García, que exerce novamente como produtor musical. O seus directos teñen esa sonoridade envolvente con arrecendo pop, un son que funambula entre a tradición e a vangarda e que acada a súa madurez neste último traballo. Unha presa de cancións sobre a necesidade de parar a sentir, a reflexionar, a respirar, nun mundo que, malia a aparente velocidade e exceso de información, está parado no máis humano.

O disco é unha xoia para os sentidos, tamén no visual. A primeira -e limitada- edición de O mundo está parado foi en formato de vinilo. Contén ademáis un formato CD e unha fotografía obra de Carlos Abal, escollida de entre dez instantáneas que o autor seleccionou para este álbum. Ademais, o primeiro videoclip deste disco, "Cedeira", dirixido polo cineasta Xacio Baño, é candidato ao Premio Mestre Mateo. Nos concertos desta xira irá coa súa banda habitual: Guillerme Fernández e Carlos Abal nas guitarras, Paco Charlín no baixo e Isaac Palacín á batería.

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS

Luppo en Chiclana de la Frontera

Chiclana de la Frontera
25-04-2017
10:00

Nabiza girl no politécnico de Lugo!

Lugo
26-04-2017
12:15

Luppo en El Ejido

El Ejido
27-04-2017
10:00

O Sonoro Maxín presenta disco en Carballo

Carballo
28-04-2017
23:30

Os Sete Magníficos no Luar coa Teletenda

Santiago de Compostela
28-04-2017
23:30



MÁIS NOVAS EN CULTURACTIVA.ORG