Formulario de busca

NOVAS

O Xardín dos Libros enche de contos e maxia Méndez Núñez

Esta programación que comeza hoxe e segue até o día 10 complementa a Feira do Libro da Coruña, no marco das actividades que organiza o Concello para as Festas de María Pita, para encher o espazo da Feira, os Xardíns de Méndez Núñez, de contos, maxia, teatro, humor, música e creatividade.

"Houbo un tempo, nun país nada, nada afastado, en que a xente lía contos, contaba historias, compartía aventuras narrándoas. Os contos estaban por todas partes, agochadiños dentro dos libros, esperando por alguén que os abrise e os deixase saír a coñecer mundo, ou na memoria das xentes, ou nalgún lugar da imaxinación… E pasaban cousas marabillosas cando os contos saían e alguén pousaba os ollos nun libro, ou cando alguén quería escoitar unha historia que outra persoa tivese para lle contar, ou cando uns monicreques resucitaban unha vella fábula, ou un grupo de amigos e amigas gravaban un vídeo para lembrar algunha lenda da súa zona, ou unha persoa facía un “booktube” sobre unha novela que lera. Pasaba que os contos, coma plantas dun xardín vizoso, medraban e medraban, facíanse máis fortes, saíanlle poliñas e abrollos novos, e cada vez daban máis flores e froitos".

Esta historia faise realidade nos Xardíns de Méndez Núñez: do 1 ao 10 de agosto, Culturactiva leva unha completa programación aos espazos da Feira do Libro da Coruña. No Espazo Contos presentaranse espectáculos de pequeno formato, de narración oral. No Escenario Central poderanse ver algúns dos mellores espectáculos teatrais ou circenses para todos os públicos, e no Espazo Crea, Re-Xenerando propón diferentes obradoiros para re-pensarmos o xénero. Alén disto, todos os días ás 19 horas a zanqueira Vanessa Rivas e o contacontos Caxoto realizarán unha visita itinerante. Mentres, entre 18 e 20 horas, Anxo Moure percorrerá o Xardín coa súa biblioteca itinerante, e aquelas persoas que o desexen poderán botar un "videoconto" no espazo habilitado para tal fin.

Este martes arrinca c'O vendedor de fume, de Ghazafelhos, no Escenario Central ás seis, e A Galiña Azul, de Fran Rei, ás oito no Palco da Música. Ademais, estes dous primeiros días terá lugar o obradoiro "Animando a ler. Aprendendo a contar" coa Tropa de Trapo. Xa o mércores 2 de agosto, as Palabras Máxicas de Dani García ocuparán o escenario central ás seis, e A súa vida, de Leda Teatro, o palco ás oito.

O xoves 3 o obradoiro de re-xenerando será dirixido por Olalla López Barro, que traballará a igualdade a través do conto. No escenario central Larraitz Urruzola presenta A viaxe de Rosalía ás seis, e ás oito o palco da música acolle A sala da Catapum Chimpum, do Titiribaile. O venres 4 é Teatro do Andamio quen presenta Carapuchiña no faiado no escenario central, e Cé Orquestra Pantasma estará no palco da música c'Os fíos do querer.
O obradoiro de Re-xenerando é capitaneado nesta ocasión pola bailarina Ánxela Blanco, co título "O corpo tamén conta". O sábado continúa c'O corpo Ícaro, e o domingo con "Escribindo, transmitindo, recollendo e sementando". O sábado será cando poidamos ver Feo, de Caramuxo, no escenario, e Paxariños, de Trinke Trinke, no palco da música. O domingo estarán os Encontros de Lusco e Fusco e A galiña azul de Carlos Casares, outra versión do conto, esta da man da contadora Raquel Queizás.

Para a semana, os obradoiros de Re-xenerando son máis espefícicos: agora que sabemos contar e traballar co corpo, probaremos co vídeo, da man de Cristina de la Torre (o luns 7), coa regueifa, coa grande Alba María (martes 8) ou coa linguaxe de signos, con Gema Custodio (o mércores 9). Por último, o xoves 10 haberá unha "creación colaborativa" con Andrea Rico.

O luns 7 poderemos ver O Valo, produción de Culturactiva e Pallasos en Rebeldía sobre o texto de Carlos Labraña gañador do IX Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, que aborda a problemática das fronteiras inhumanas que condenan a miles de persoas a desprazarse. No Espazo contos estará novamente Fran Rei co'A historia de Brancaflor. O martes 8 estarán Pérez & Fernández c'O poder de Amabel no teatro, e Charo Pita co seu Menú de contos no palco.

E xa o mércores 9 poderemos ver o Concerto singular de Píscore e Os contos de Toribio, de Pedro Brandariz. Por último, o xoves 10 será  a quenda de Títeres Alakran, c'Os soños na gaiola, e de Caxoto, co'A trastenda dos contos. Podes consultar toda a información no programa en PDF.

 

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS

O Valo no Salón Teatro de Compostela

Santiago de Compostela
19-10-2017
20:00

Falar sen cancelas en Santa Comba

Santa Comba
20-10-2017
22:00

Peter Punk nunha xornada de Down Galicia

Santiago de Compostela
21-10-2017
12:45

Dani García leva a súa maxia ao Encontro Down Galicia

Santiago de Compostela
21-10-2017
17:45

O lobo e a lúa en Serra de Outes

Serra de Outes
21-10-2017
19:00



MÁIS NOVAS EN CULTURACTIVA.ORG