Formulario de busca

NOVAS

Vive o Camiño chega a Compostela e segue até Fisterra

Vive o Camiño, a programación de Xacobeo para dar a coñecer e pór en valor o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía, chega este 19 de setembro a Compostela! Pero aínda non é a fin do camiño, senón que esta programación de teatro e música seguirá ruta até a fin do mundo: a Fisterra chegará o 1 de outubro, cunha nova función de Dous no Camiño e un novo concerto de Caxade.

Consulta aquí a programación do Camiño Fisterra-Muxía!

Este martes 19 de setembro, ás 20 horas, a Praza de Praterías acolle o evento central desta edición de Vive o Camiño, a programación do Xacobeo que espalla o espírito do Camiño de Santiago a través das artes escénicas e da música en 27 concellos galegos, do Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía. Coa Catedral como pano de fondo se o tempo acompaña (do contrario desprazarase ao Salón Teatro, na Rúa Nova), poderá verse o espectáculo teatral, dirixido por Avelino González, con texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala, e cos cómicos Fran Rei e Isabel Risco á fronte, que leva por título “Dous no Camiño”. A seguir, a praza acollerá un concerto de Caxade, o proxecto persoal de Alonso Caxade. Folk-pop con arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. Música elegante, modesta e sinxela, que se alía co seu discurso divertido, metafórico e irónico. Foi mellor Artista nos XIII Premios Opinión, Prémio Martín Códax da Música, gañador "Certame Música Xove" e representante galego no SUNS Europe 2015. Integran a banda Alonso Caxade no acordeón e voz, Xosé Tunhas á batería, Manu Paino na trompeta e teclado, e Manu Espinho como bombardino e trombón.

Actividades didácticas para espallar o espírito do Camiño

Na mesma liña de “Dous no camiño”, Fran Rei e Isabel Risco realizarán unha animación de creación e dirección propia, tanto nas vilas como nas inmediacións dalgúns albergues, destinadas ao público de cada poboación pero tamén aos peregrinos e peregrinas que fan o Camiño: Atanasio e Teodoro son dous discípulos de Santiago Apóstolo que levaran os seus restos a Compostela, e despois dunha viaxe no tempo de moitos séculos andan algo perdidos, por un lado sorprendidos con todas as modernidades que van atopando, pero por outra banda descubrindo que o esencial do Camiño, a natureza, as paisaxes incribles, e algúns monumentos, non cambiaron desde aquela. Na procura da ruta, interactuarán co público que vaian atopando no seu percorrido.

Por outra banda, unha exposición itinerante con material divulgativo sobre os Camiños, tanto o Inglés como o de Fisterra-Muxía, percorre os 27 concellos que integran esta programación. O calendario de actuacións que restan (xa que o Camiño non acaba en Compostela, senón que segue até a fin da terra) é o seguinte: Santa Comba (xoves 21, Campo da Feira, 20 horas), Mazaricos (venres 22, Campo da Feira da Picota, 20.00 horas), Cee (sábado 23, Praza do Concello, 20.30 horas), Corcubión (domingo 24 de setembro, Campo do Rollo, 20.00 horas), Dumbría (xoves 28, instalacións do Conco, 20.00 horas), Muxía (venres 29, Praza do Cabo da Vila, 20.00 horas), e finalmente, cun novo concerto de Caxade, Fisterra, o domingo 1 de outubro, na Praza da Constitución ás 20.00.

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS

O Valo no Salón Teatro de Compostela

Santiago de Compostela
19-10-2017
20:00

Falar sen cancelas en Santa Comba

Santa Comba
20-10-2017
22:00

Peter Punk nunha xornada de Down Galicia

Santiago de Compostela
21-10-2017
12:45

Dani García leva a súa maxia ao Encontro Down Galicia

Santiago de Compostela
21-10-2017
17:45

O lobo e a lúa en Serra de Outes

Serra de Outes
21-10-2017
19:00



MÁIS NOVAS EN CULTURACTIVA.ORG