Festiclown

Festiclown é o Festival Internacional de Clown de Galicia. Desde 2000 levamos enchendo as rúas, prazas e teatros de distintas cidades galegas co clown e novo circo de mellor calidade, ademais da formación coas e os mellores mestres a nivel internacional. Carlo Colombaioni, Leo Bassi, Jango Edwards e moitos, moitos outros e outras pasaron polas distintas edicións.

WWW.FESTICLOWN.ORG

Terractiva

Unha programación cultural por e para o respecto da contorna e dunha vida en sintonía con ela é o Terractiva. O Festival das artes pola biodiversidade xunto coa Feira ecolóxica e as demais actividades desta proposta convírtena en única en Galicia.

WWW.TERRACTIVA.ORG

Magiclown

Magiclown, a Trobada internacional de Màgia i Clown de Sant Josep de sa Talaia (Eivissa), leva desde 2006 achegando o mellor clown, maxia, solidariedade e circo á localidade ibicenca. Galas de maxia, compañías teatrais de prestixio, animacións de rúa e proxectos solidarios de cooperación internacional centran a actividade.

WWW.MAGICLOWN.ORG

Pallasos en rebeldía

Pallasos en Rebeldía é un espazo do teatro galego, vencellado ao Festiclown, que traballa na cooperación internacional a través do riso. Esta entidade, que se creou en Chiapas no ano 2004 durante unha das caravanas solidarias postas en marcha ao dito territorio, tamén puxo e pon en marcha proxectos solidarios en Palestina e outros puntos do planeta onde a dignidade dos pobos está coartada.

WWW.PALLASOSENREBELDIA.ORG

Desde Culturactiva somos o que somos polos nosos proxectos. Coa idea sempre presente de programar cultura participativa, democrática e para a xente, esta cooperativa de xestión cultural ten levado a rúas e teatros propostas coma o Festival de Cimema Olladas do planeta, a programación musical Galeuzca, os programas alternativos para a mocidade Festactiva, o Menú do Humor, Magiclown, Terractiva, Festiclown...

Divertindo, facendo rir, tomando o humor como algo moi serio, pero tamén ofrecendo formación en risoterapia, clown e outras artes escénicas, surtimos de propostas de lecer alternativo, horizontal e respectuoso coa contorna a entidades públicas, colectivos, festivais, programacións de todo tipo e, finalmente, ao publico en xeral, tanto en Galicia coma noutros puntos do Estado.

Solidariedade

Ademais, desde Culturactiva SCG promevemos unha dinámica de traballo baseada na igualdade entre os pobos e a convicción de que a cultura serve para camiñar, para facer guieiros cara a dignidade.

Mais esta forma de facer non só a puxemos en práctica organizando e participando en campañas de acción internacional a Chiapas ou Palestina, senón tamén levando desde os nosos comezos teatro de calidade ás parroquias, ás asociacións, ás ampas de colexios, a concellos ou aos festivais máis prestixiosos do Estado.