Nos últimos anos o mundo está a vivir unha crecente crise de refuxiados e refuxiadas que foxen da guerra. Cada día hai miles de persoas que deben tomar a decisión máis difícil da súa vida: abandonar o seu fogar na procura dunha vida mellor. Tal e como informan diversos organismos internacionais, estamos a sufrir a maior crise humanitaria desde o fin da Segunda Guerra Mundial. Segundo os datos facilitados por ACNUR, máis de 60 millóns de persoas tiveron que saír do seu país na última década. As razóns polas cales as persoas migran son diversas e complexas. Hai persoas que se trasladan a outros países para mellorar a súa situación económica ou para continuar a súa educación. Outras vense obrigadas a abandonar o seu país para fuxir de abusos contra os dereitos humanos como a tortura, a persecución, os conflitos armados, a pobreza extrema e mesmo a morte. “A xente morre mentras os gobernos gastan miles de millóns en controlar as fronteiras” (Amnistía Internacional) Ante esta situación, Pallasos en Rebeldía – entidade de cooperación internacional a través das artes e con ampla traxectoria en zonas de conflito – decide crear e producir este espectáculo, coa crise das persoas refuxiadas de fondo, para convidar ao público infantil (de educación primaria) a reflexionar e tomar conciencia sobre esta problemática que está a enquistarse nas nosas fronteiras. A partir do marabilloso texto de Carlos Labraña, merecedor do IX Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil, O valo está dirixida por Iván Prado e posta en escena por Saleta Fernández e Fran Rei. O valo fala do encontro de dous mundos, dúas realidades, dúas consciencias encarnadas en dous personaxes ben distintos: O Soldadiño de Chumbo e Sahara, a rosa do deserto. Un encontro a ambos os dous lados dunha fronteira que non só separa a civilización do baleiro, senón que abre unha ferida no corazón da humanidade. Fronte ao pensamento patético e torpe do Soldadiño de Chumbo, que obedece ordes dos seus superiores desde a fe cega no que sempre lle dixeron que tiña que facer, atopamos a sensibilidade de Sahara, unha rapaza que foxe da guerra e que recibiu tantos paus na vida que xa poucas cousas poden detela. A forza e a dignidade desta nena refuxiada farán reflexionar ao público en contraste co soldado, cuxo corazón se debate entre a obediencia, que mesmo o pode levar a matar en nome dunha patria, e a fraternidade que o impulsa a romper todos os valos.