Neste espectáculo abórdase o mal da época: xógase coa posibilidade de que a vida sexa máis xogo e menos destino, camiños, medios, riscos... A salto alto - Entre gentilezas e extermínios é o terceiro espectáculo do Circo no Ato, resultado dun proceso de creación dun ano entre a Central del Circ en Barcelona, o Circo Crescer e Viver e a Escola Nacional de Circo. Coa dirección de Roberto Magro, o espectáculo profana a clásica historia da Cinsenta, mestura fantasía e sátira e cuestiona a busca desenfreada de bens materiais. Sete persoas sen nada no peto, pero con bagaxes cargadas de liberdade, represión, valores, colonización e transgresión, íspense das súas experiencias para vivir outra realidade, a da abundancia. Pero o máis fondo das súas vidas pasadas permanece, e nesa tensión entre o ambiente formal e refinado ao que non pertencen e a irreverencia de quen ten que reinventar e resignificar a vida a cada instante, sitúase a trama. Profánanse os arquetipos da fábula da Cinsenta: fada madriña. madrastra, irmastras, príncipe, baile, badaladas de media noite, zapato de cristal... para representar o consumismo desenfreado desta sociedade e as súas consecuencias, retratando as representacións frívolas das mulleres como obxecto, mais tamén toda a súa independencia e forza.