O espectáculo debe continuar. É a máxima de calquera artista. A función éo todo, ao público non se lle pode defraudar. E no circo, o maior espectáculo do mundo, todo debe saír perfecto baixo a carpa… Ou, polo menos, saír! E ese é o dilema co que se atopan os protagonistas: saír ou non saír? Falta todo o elenco, o resto de artistas fuxiron e as tres personaxes que saen a escena sopran pola angustia de perder unha función. Malia todo, non se renden: o espectáculo debe continuar. Vaia circo! é un dos mellores espectáculos de rúa con acrobacias aéreas do último lustro: trapecio coreano, aro, trapecio dobre, mastro … Unha restra de incribles e arriscadas técnicas onde volvemos ao circo clásico e ao “máis difícil aínda”.