O Festival Internacional de Clown de Festiclown leva desde o 2001 desenvolvéndose en varias cidades, ao comezo de Galicia, pouco a pouco do mundo enteiro. Das primeiras edicións, en Compostela e despois en Vigo, até os actuais Festiclown 2.0 Multisede, que se espallan por varios continentes. No 2016 tiveron lugar o Festiclown en Galicia, en Vilagarcía por segundo ano, en Melilla, e por primeira vez en Cataluña, dentro do Festival Esperanzah! Ao tempo, desenvolvíase en varias comunidades do Brasil o Festiclown pela Terra. A base do Festiclown está nas rúas e nas prazas: a cultura a través d@s pallas@s e das artes circenses sae á rúa para ir ao encontro directo co público, que atopa unha festa do humor e da alegría espontaneamente, nun paseo ou indo facer recados. E mesmo nos lugares máis conflitivos, como diante do valado de Melilla, ou nas retomadas de terra no Brasil, @s clown chegan a todos os lugares onde son necesari@s. Festiclown vai moito máis alá do espectáculo: ten un importante apartado formativo, con algúns/has d@s profesores/as máis destacad@s da escena internacional do clown. Tamén ten un apartado social e solidario, completando as actuacións con charlas, proxeccións, debates e outras actividades.
Máis información acerca de FESTICLOWN.