PROXECTOS
FESTICLOWN
O Festival Internacional de Clown de Festiclown leva desde o 2001 desenvolvéndose en varias cidades, ao comezo de Galicia, pouco a pouco do mundo enteiro. Das primeiras edicións, en Compostela e despois en Vigo, até os actuais Festiclown 2.0 Multisede, que se espallan por varios continentes. No 2016 tiveron lugar o Festiclown en Galicia, en Vilagarcía por segundo ano, en Melilla, e por primeira vez en Cataluña, dentro do Festival Esperanzah! Ao tempo, desenvolvíase en varias comunidades do Brasil o Festiclown pela Terra.
Terra Máxica
Terra Máxica é un proxecto que procura a posta en valor do noso patrimonio cultural a través de maxia co fin de dinamizar a vida cultural da provincia de Ourense. Nace da idea do traballo en rede e cooperativo entre un grupo de entidades municipais da provincia na procura de suplir eivas na política cultural que administracións superiores non dan ou queren abranguer: os Concellos de A Rúa, Allariz, Barbadás, Baños de Molgas, Verín e Viana do Bolo son os iniciadores deste proxecto que chega con ánimo integrador e de expansión coa idea de estender a nosa Terra Máxica polo país en futuras edicións.
PALLASOS EN REBELDIA
A Asociación Cultural e de Cooperación Internacional Pallasos en Rebeldía é un espazo artístico de solidariedade internacional, transformación política e fraternidade entre os pobos que se expresa a través do clown e as artes circenses, no que conflúen artistas de diferentes países, sobre a base de que a alegría e a risa poden e deben ser transformadoras. Pallasos en Rebeldía está constituída como unha rede internacional de grupos artísticos que promoven a solidariedade e a risa como motores de cambio social; combaten culturalmente á beira das colectividades que lle fan fronte a este sistema global de terror desde a maxia do Circo; e que apostan por unha Humanidade máis bela e máis xusta desde o universo do Clown.
Magiclown
O Magiclown converteuse nun dos festivais de referencia a nivel estatal no mundo do clown na súa primeira etapa e rexorde despois de 10 anos para levar a Sant Josep de sa Talaia algunhas das mellores propostas artísticas do momento.
TERRACTIVA
Unha programación cultural por e para o respecto da contorna e dunha vida en sintonía con ela é o Terractiva. O Festival das artes pola biodiversidade xunto coa Feira ecolóxica e as demais actividades desta proposta convértena en única en Galicia.
Despois de varias edicións no Concello de Arzúa, Terractiva vai máis alá dunha feira ecolóxica: Terractiva quere ser un lugar de encontro das diferentes artes, comprometidas co respecto ao medio.