Volve o festival inclusivo Festigual á Coruña
O Festigual regresa á Coruña do 30 de outubro ao 29 de novembro, cunha programación que reivindica o acceso á cultura para todas as persoas, consolidando á cidade como referente nas reivindicacións sociais e faro cultural. Nesta oitava edición, o Festigual presenta unha das súas programacións máis completas, abranguendo dende teatro, música, danza, exposicións e graffitis, ata encontros formativos e actividades comunitarias.
A vangarda cultural e a diversidade, sinais de identidade. Durante máis dun mes, Festigual converterá A Coruña nun espazo de encontro e convivencia a través das artes, ofrecendo unha programación que destaca por poñer no centro a diversidade e a inclusión. A proposta busca expandir o impacto cultural e sensibilizar sobre a necesidade de crear espazos compartidos, accesibles e con participación real para todas as persoas, independentemente das súas capacidades.
O festival abrirá o día 30 de outubro co espectáculo “Cerebro Artes Acción”, unha colaboración entre Experimentadanza e a Banda Municipal da Coruña, que explora a complexidade do cerebro humano a través da danza e o teatro. Esta edición tamén contará coa terceira Gala de "Música baixo as estrelas", un concerto moi especial protagonizado por artistas de rúa da cidade, que terá lugar o 3 de novembro no Teatro Colón.
A programación do FESTIGUAL 2024 incluirá tamén espectáculos de reflexión sobre a exclusión e a discapacidade con pezas como “Nada de Sabe”, unha coprodución do Centro Dramático Galego e Culturactiva Producións que chega por primeira vez á Coruña; mentres que espectáculos como “O Misterioso Cabarel do Sr. Pilgrim... E Freestyle” ou a multipremiada “Puños de Harina” afondarán en temáticas sociais como o racismo, a violencia e a diversidade cultural. Festigual propón unha programación que combina vangarda e reflexión, abrindo espazos de encontro e participación accesibles a todas as persoas. As propias usuarias de asociacións como Poten100mos ou AÏS subiranse ao escenario para amosar que a creatividade non ten barreiras.
Entre as actividades destacadas, atopamos tamén o concerto “Músicas Inclusivas y Participativas”, onde Robert Pier, xunto co Coro Diversos Funcionais, ofrece un espectáculo que mestura música e emocións compartidas. A arte urbana tamén terá o seu espazo co proxecto de “Graffiti Inclusivo”, unha proposta colaborativa que promove a participación de usuarias de centros sociais.
Máis alá dos eventos ao vivo sobre o escenario, tamén poderemos desfrutar dunha exposición da Sociedade Filatelica de A Coruña, visitas virtuais polo Museo de Belas Artes e unha xornada profesional ao redor das artes e a saúde coa presenza de profesionais de diferentes ámbitos.cAdemais, os concertos de Fillas de Cassandra (en acústico) e Chungo Pastel achegarán a fusión de tradición e modernidade, ofrecendo unha experiencia acústica accesible a todos os públicos.
Cada un destes eventos completa unha programación pensada para xerar espazos inclusivos, onde a diversidade e a vangarda se dan a man. Ademais, todas as actividades serán de balde, co fin de garantir a accesibilidade total da cidadanía á cultura.
Consulta a programación completa aquí
Festigual, o festival de todas
O Festigual —Festival das Artes Inclusivas da Fundación Emalcsa desenvolto polo Concello da Coruña — nace e perdura cun fin: xerar espazos de convivencia e transformación ao redor das artes. A programación, pensada para facilitar o acceso á cultura a calquera persoa independentemente das súas capacidades, espállase ao longo de varias
semanas complementando a axenda cultural da cidade con propostas para todas. A través de distintas disciplinas artísticas, non só pretende concienciar sobre a urxencia de facilitar espazos nos que todo o mundo poida acceder ás artes, senón tamén da necesidade de crear dende as marxes para que o público xeral poida ampliar olladas.
Festigual trata de escapar dos circuitos normativos da cultura, moitas veces capacitistas, para construír un festival que poña no centro a accesibilidade e o goce de toda a poboación. Un proxecto colaborativo que é posible grazas ás usuarias das entidades sociais que traballan durante todo o ano para que esto se faga realidade.