Culturactiva, S. Coop. Galega traballamos desde o ano 2000 na xestión cultural, o teatro, a música e a dinamización social, desde o ámbito creativo e formativo. Sempre poñendo ás persoas no centro e entendendo a cultura como ferramenta de desenvolvemento humano, social e económico, a cultura como vector de transformación e reequilibrio territorial e social.
Defendemos o riso como linguaxe universal entre os pobos e a solidariedade a través do humor. Desde Culturactiva promovemos o rexurdir do clown nos últimos anos no Estado Español, a través do Festiclown e proxectos como Magiclown, Firaclown ou a Escola da Comicidade.
O noso equipo de traballo está especializado na distribución e produción escénica e musical, na formación e na xestión integral de programacións e proxectos culturais comprometidos e transformadores. Inquietudes e ámbitos que fan do proxecto un dos motores do sector cultural galego, un motor que leva percorrido milleiros de quilómetros desde Galicia, pasando polo Estado español, a Portugal, Latinoamérica, Palestina, Sahara e Europa, cos seus proxectos e artistas.
Culturactiva non se entende sen o noso compromiso social, que se materializa en gran medida no colectivo Pallas@s en Rebeldía, creado no 2004 en Chiapas (México) e que xa é unha rede internacional que promove a solidariedade e a risa como motores de cambio social, apoiando a loita pola supervivencia dos pobos en conflito: Palestina, Brasil, Sahara, Idomeni, Calais, Melilla... Os nosos obxectivos están claros: defender os dereitos humanos coa cultura como ferramenta, espertar a esperanza a través das artes circenses e a música, desenvolver a fraternidade entre os pobos do mundo, e loitar contra este sistema global de terror desde a utopía do clown...
"Facer posible o imposible, e o posible belo", Iván Prado.