Formulario de busca

NOVAS

Arrinca Vive o Camiño!

Desde este mércores 23 de agosto ao 1 de outubro, 27 concellos galegos do Camiño Inglés e Camiño Fisterra-Muxía acollen esta programación especial do Xacobeo! Por segundo ano, chega Vive o Camiño! Co espectáculo Dous no Camiño, de Fran Rei e Isabel Risco, e algúns concertos de Caxade en catro das vilas, espallará o espírito do Camiño.

Consulta aquí a programación do Camiño Inglés!

Consulta aquí a programación do Camiño Fisterra-Muxía!

Este mércores 23 de agosto, ás 19 horas, o Porto de Curuxeiras acolle a inauguración desta edición de Vive o Camiño, a programación do Xacobeo que espallará o espírito do Camiño de Santiago a través das artes escénicas e da música en 27 concellos galegos, do Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía. Nesta primeira cita, poderá verse a estrea do espectáculo teatral, dirixido por Avelino González, con texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala, e cos cómicos Fran Rei e Isabel Risco á fronte, que leva por título “Dous no Camiño”. O director, Avelino González, ten longa experiencia tanto nas artes escénicas como no cine e na televisión, actuando ou dirixindo (a exitosa montaxe de Talía Bicos con lingua, por exemplo, supúxolle a candidatura ao María Casares en dirección e o Premio Max polo texto). Estes dous cómicos son moi coñecidos polas producións teatrais nas que participaron (Falar sen cancelas, Retrincos de Castelao, os traballos de Fran Rei como contacontos ou na compañía Os Sete Magníficos Máis Un, Isabel Risco como monologuista, co espectáculo Nabiza girl, ou presentadora), e tamén polas súas intervencións televisivas no Luar, en Land Rober, no programa Air Galicia... Ademais de grandes clowns e formadores. Conectan co público coma ninguén e espallan risos alá onde van. Nesta montaxe amósannos a dous peregrinos que se atopan no Camiño.

A seguir, o Peirao de Curuxeiras acollerá un concerto de Caxade, o proxecto persoal de Alonso Caxade. Folk-pop con arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da vella Europa. Música elegante, modesta e sinxela, que se alía co seu discurso divertido, metafórico e irónico. Foi mellor Artista nos XIII Premios Opinión, Prémio Martín Códax da Música, gañador "Certame Música Xove" e representante galego no SUNS Europe 2015. Integran a banda Alonso Caxade no acordeón e voz, Xosé Tunhas á batería, Manu Paino na trompeta e teclado, e Manu Espinho como bombardino e trombón.

Actividades didácticas para espallar o espírito do Camiño

Na mesma liña de “Dous no camiño”, Fran Rei e Isabel Risco realizarán unha animación de creación e dirección propia, tanto nas vilas como nas inmediacións dalgúns albergues, destinadas ao público de cada poboación pero tamén aos peregrinos e peregrinas que fan o Camiño: Atanasio e Teodoro son dous discípulos de Santiago Apóstolo que levaran os seus restos a Compostela, e despois dunha viaxe no tempo de moitos séculos andan algo perdidos, por un lado sorprendidos con todas as modernidades que van atopando, pero por outra banda descubrindo que o esencial do Camiño, a natureza, as paisaxes incribles, e algúns monumentos, non cambiaron desde aquela. Na procura da ruta, interactuarán co público que vaian atopando no seu percorrido.

Por outra banda, unha exposición itinerante con material divulgativo sobre os Camiños, tanto o Inglés como o de Fisterra-Muxía, percorrerá os 27 concellos que integran esta programación. O calendario de actuacións é o seguinte: a estes espectáculos de Ferrol, seguirá ao día seguinte, xoves 24 de agosto, “Dous no Camiño” no Paseo Marítimo de Xuvia, en Neda, ás 19 horas. Xa o domingo 27, estarán en Cabanas, no Parque de Areal, ás 20 horas. A semana próxima recalan este par de peregrinos en Fene (luns 28 ás 20 horas na Praza Alcalde Ramón Souto González), Pontedeume (martes 29, Parque Infantil do Paseo Marítimo, 20 horas), Carral (mércores 30, Praza do Pobo, ás 18.30) e Paderne (o xoves 31 no lugar de Chantada, na parroquia de Souto, ás 20 horas).

No mes de setembro prosegue o Camiño Inglés con actuacións na Coruña, novamente cos dous espectáculos, “Dous no Camiño” e Caxade, o martes 5 ás 20 horas nos Xardíns de Méndez Núñez. A seguir, Fran Rei e Isabel Risco seguirán peregrinando por Culleredo (mércores 6, Praza Europa do Burgo, 20 horas), Cambre (xoves 7, Auditorio do Parque da Igrexa, 20 horas), Betanzos (venres 8, Praza Irmáns García Naveira, 20 horas), Narón (sábado 9, Paseo Marítimo de Xuvia, 19 horas), Mesía (domingo 10, Praza do Concello, en Xanceda, 20 horas) , Ordes (luns 11, Alameda ás 20 horas), Oroso (martes 12, exterior da piscina municipal ás 20 horas), Miño (mércores 13, Parque Municipal ás 19 horas), Ames (xoves 14, Praza da Mahía, 20 horas), Negreira (sábado 16, Parque do Coto ás 20 horas), Abegondo (domingo 17, Campo da Feira ás 18.30 horas), e a fin do Camiño, Santiago de Compostela, onde tamén haberá concerto de Caxade.

A Compostela chega Vive o Camiño o martes 19 de setembro, á Praza das Praterías, onda a Catedral, ás 20 horas. Mais hai outro camiño que se prolonga até a fin da terra: O Camiño Fisterra-Muxía continúa con actuacións de “Dous no Camiño” por Santa Comba (xoves 21, Campo da Feira, 20 horas), Mazaricos (venres 22, Campo da Feira da Picota, 20.00 horas), Cee (sábado 23, Praza do Concello, 20.30 horas), Corcubión (domingo 24 de setembro, Campo do Rollo, 20.00 horas), Dumbría (xoves 28, instalacións do Conco, 20.00 horas), Muxía (venres 29, Praza do Cabo da Vila, 20.00 horas), e finalmente, cun novo concerto de Caxade, Fisterra, o domingo 1 de outubro, na Praza da Constitución ás 20.00.

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS

Cacho Animalada!

Sada

26-04-2024

18:30


Made in Galiza

Negreira

26-04-2024

20:30


A primavera ten que ser nosa

Santiago de Compostela

26-04-2024

22:30


O dragón de ouro

Celanova

27-04-2024

Horario pendente de confirmación


Indóciles

Santiago de Compostela

27-04-2024

13:00


Royal Circ

Vigo

27-04-2024

17:30


Via Morta

Outeiro de Rei

27-04-2024

20:00




MÁIS NOVAS EN CULTURACTIVA.ORG