Formulario de busca

NOVAS

Burela sae á rúa esta fin de semana

Burela na rúa é unha programación para esta fin de semana na que ten lugar a Festa Castrexa nesta localidade mariñá, co mellor circo e maxia: Trío Refugallo, o Don Gelati de Dani García e Kanbahiota encherán de cor a Praza do Concello de venres a domingo.

Así, a primeira das funcións de "Burela na rúa" será este venres 14 de xullo, a cargo de Trío Refugallo, na Praza do Concello ás oito da tarde. O xenial trío de músico-clowns que integran Félix Rodríguez, Olivier Cano e Óscar Prieto, neste espectáculo itinerante dirixido por Fran Rei, inundará a praza co seu "Ritmo Refugallo". A animación toma as rúas da vila con Trío Refugallo, unha nova proposta da man de membros de Odaiko e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo que mestura clown, música sobre instrumentos feitos a partir de materiais de refugallo, participación e interacción co público. Un novo concepto de pasarrúas que espalla risa e ritmo.

A seguir, xa o sábado, á mesma hora no mesmo lugar, terá lugar a refrescante actuación de Dani García, un dos mellores magos galegos, con Don Gelati: un brillante día de sol chega á praza da vila un vendedor de xeados co seu carriño e con moitas ganas de sacarlles un sorriso aos veciños. Mais o pobre Don Gelati sufrirá todo tipo de imprevistos e infortunios co seu carro, que terá que arranxar con enxeño e maxia antes de que os seus xeados se derritan. Dani García constrúe, empregando a súa habitual destreza e con este entrañable personaxe, unha comedia máxica onde a expresión corporal substitúe ás palabras e a comunicación co público é constante e dinámica. Un espectáculo de maxia de rúa, sinxelo e directo, con grande mobilidade, sen necesidades técnicas externas e practicamente sen límites para a fantasía.

Xa por último, este domingo será Kanbahiota quen poña o broche de ouro a Burela na Rúa, co seu espectáculo Vaia circo!, con Abraham Pavón, Rossina Castelli e Alfredo Lobezno encarnando ao pallaso augusto, a diva e o "machote". O espectáculo debe continuar. É a máxima do artista. A función é todo, ao público non se lle pode defraudar. E no circo, o maior espectáculo do mundo, todo debe saír perfecto baixo a carpa… Polo menos, saír! E ese é o dilema co que se atopan os protagonistas: “Saír ou non saír.” Falta todo o elenco, fuxiron os artistas e as tres personaxes que saen a escena sopran pola angustia de perderen unha función. Malia todo, non se renden: o espectáculo debe continuar.

 

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS

Cacho Animalada!

Sada

26-04-2024

18:30


Made in Galiza

Negreira

26-04-2024

20:30


A primavera ten que ser nosa

Santiago de Compostela

26-04-2024

22:30


O dragón de ouro

Celanova

27-04-2024

Horario pendente de confirmación


Indóciles

Santiago de Compostela

27-04-2024

13:00


Royal Circ

Vigo

27-04-2024

17:30


Via Morta

Outeiro de Rei

27-04-2024

20:00




MÁIS NOVAS EN CULTURACTIVA.ORG