Formulario de busca

NOVAS

Guadi Galego xira este verán c'O mundo está parado

A artista cedeiresa volve aos escenarios outro verán. Se o ano pasado despedía o seu anterior traballo Lúas de outubro e agosto, desta volta presenta o seu último disco, O mundo está parado, en Ames, Compostela, Carballo, Val do Dubra, Ribeira e o Mercat de Música Viva de Vic.

A xira de Guadi Galego arrinca o vindeiro 14 de xullo no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames), e na noite do 24 ao 25 dará un concerto no FestiGal, no Campus Sur compostelán. Xa no mes de agosto poderemos vela o venres 4 en Carballo, e o sábado 5 en Val do Dubra, na Festa do Emigrante, ademais do venres 18 en Pontevedra. E xa no mes de setembro, estará en Ribeira o sábado 9 e no Mercat de Música Viva de Vic o mércores 13.

No ano 2016, ano en que recibe o Premio Martín Códax da Música á mellor artista na categoría de canción de autor, Guadi Galego presentou O mundo está parado (FOL Música, 2016), o seu terceiro álbum en solitario. Dez temas redondos para deter o tempo, con letras que viaxan do persoal á reflexión colectiva sobre cuestións como a identidade e a coherencia. O seus directos teñen esa sonoridade envolvente con arrecendo pop, un son que funambula entre a tradición e a vangarda e que acada a súa madurez neste último traballo. Unha presa de cancións sobre a necesidade de parar a sentir, a reflexionar, a respirar, nun mundo que, malia a aparente velocidade e exceso de información, está parado no máis humano.

Neste concerto, á banda de sempre (Guillerme Fernández na guitarra, Paco Charlín co baixo e Isaac Palacín á batería) súmase agora Carlos Abal na guitarra. El é compositor de tres dos dez temas do disco, ademais dun, "El entorno", de Pachi García (produtor do disco tamén). O groso deles son da autoría da propia Guadi Galego, que confirma neste disco a súa madurez como compositora.



MÁIS NOVAS EN CULTURACTIVA.ORG