Formulario de busca

NOVAS

O Teatro Colón acolle a estrea oficial de Rosalía, a primeira obra de teatro sobre a infancia da poeta

A cita é o próximo sábado, día 22, ás 12h30 e o acceso é libre e gratuíto até completar o espazo.

A obra ofrece unha imaxe da poeta galega lonxe do tópico, como unha nena imaxinativa, divertida, rebelde e que xoga coas palabras.

O Teatro Colón acollerá o próximo sábado, día 22, ás 12h30, a estrea oficial de Rosalía, unha obra de teatro para toda a familia que retrata -por vez primeira- a vida infantil da escritora xusto no momento en que ten que trasladarse da aldea a cidade. O acceso será libre e gratuíto ata completar o espazo.

Dous días máis tarde, o 24 de febreiro de 2020, cumpriranse 183 anos do nacemento de Rosalía de Castro, a máis universal das escritoras galegas. Unha escritora decisiva para Galicia e da que se coñece a súa vida adulta, pero moito menos a súa vida cando nena, vivida entre Padrón e Santiago de Compostela. Neste aniversario do seu nacemento, as e os espectadores da provincia da Coruña poderán gozar con esta produción teatral de Culturactiva que xa ten confirmadas, ademais da estrea oficial no Teatro Colón, representacións en Melide (o 20), Cerceda (o 27) e Narón, os días 10 e 11 de novembro.

Rosalía é unha obra familiar que ofrece unha imaxe ben distinta da que tradicionalmente temos da autora de Cantares Gallegos. Tomando como punto de partida este libro, a obra escrita por Nate Borrajo e dirixida por Fina Calleja, forma o retrato dunha nena esperta, que xoga moito coas palabras, que lle gusta a música e os cantares da xente da aldea. É atrevida, ten a súa rebeldía coas cousas das súas maiores e fantasea con moitas historias.  A equipa artística da obra ten como actrices a Rocío González e a Cristina Collazo, quen encarna á Rosalía nena.
 
A infancia de Rosalía de Castro é a protagonista desta nova producción de Culturactiva, unha montaxe destinada a público infantil e familiar e que recrea a vida da escritora nun dos seus momentos de cambio fundamentais para a súa vida, o traslado desde Padrón a Santiago de Compostela. A escritora galega ten sido protagonista de obras no teatro, pero esta é a primeira oportunidade na que o público pode encontrarse coa nena que foi, unha nena que, segundo explican as integrantes do elenco de Rosalía, “compórtase como unha nena calquera, coas súas ganas de xogar, con querer chocolate, pero na que se apuntan xa esas maneiras que estarán presentes na obra que escribirá cando chegue a adulta”.
 
Para a directora da obra, Fina Calleja, a intención “é poñer diante dos espectadores a imaxe dunha Rosalía nena, pero moi lonxe do estereotipo dominante dunha Rosalía triste ou melancólica”. Calleja, que ten dirixido espectáculos familares con compañías como Sarabela, sinala que a obra ten como protagonista a unha “espilida, faladora, rebelde, que lle gusta moito xogar e que ten os caprichos e o humor de calquera nena”. “Gústanlle as palabras e o chocolate, ten moita vitalidade e penso que por aí é por onde se achegará aos espectadores”.

Nate Borrajo, autora do texto, engade aínda outra das características desta montaxe, “é un xoguete teatral, unha peza que desde os xogos dunha nena sirve para achegarse a unha das grandes escritoras da literatura universal”. Para a autora “o xogo, as cancións, a maneira en que a protagonista fai xogo de palabras é unha ponte para achegarse a Rosalía de Castro”. A escritora e actriz realizou un traballo de investigación previo á escrita da obra na bibliografía sobre a escritora galega.

A obra inicia no momento en que Rosalía ten que deixar a aldea e marchar para Santiago de Compostela. É un cambio difícil para quen disfruta coa vida natural, para unha nena afeita a vivir poñendo a xogar as palabras e inventando mundos e ditos. Rosalía é unha nena e xa está preparada para marchar, ten os baúles preparados, pero ela non está convencida da decisión. Para Cris Collazo, actriz que interpreta a esta Rosalía infantil, “é un momento de cambio na vida dunha cativa”, explica tamén que “Rosalía esta afeita a esa vida da aldea e por unha banda non quere marchar, pero tamén quere saber que hai en Santiago”. Cris Collazo sinala que é unha responsabilidade para ela “poñerlle corpo a un personaxe tan importante para Galicia”, pero considera que esta Rosalía que interpreta “está ligada á imaxe da escritora que se foi descobrindo nos últimos anos: unha muller decidida, activa e que mirou pola defensa de quen o pasaba mal”. Como Fina Calleja, Collazo sinala tamén que esta á histora “dunha nena a quen lle gustan as cancións, as rimas, cantar, e esconderse no faiado”.

A obra ten como vocación rescatar para o público máis novo a infancia da escritora, explicando o seu carácter como unha nena creativa, inconformista, lectora, activa e rebelde ás cousas que considera que non son xustas. Valores que forman parte da obra de Rosalía de Castro e que a rapazada só pode chegar desde a súa explicación adulta. A poesía, a música e a creatividade da nena que será unha das grandes escritoras universais son os argumentos da peza para que os espectadores e as espectadoras novas se acheguen á biografía e Rosalía sen deixar o carácter infantil: xogos de palabras, música popular e o cambio de vida que a protagonista terá que facer como paso dunha etapa a outra da súa vida. Un cambio que na obra ten como reflexo unha grande parte de diversión e outra de transmitir as sensacións da protagonista coas que os rapaces de entre nove e doce anos poden sentirse identificados.
 
Rocío González reparte o seu tempo en escena entre a compañeira de xogos de Rosalía e máis a súa coidadora, un papel infantil e outro adulto. Para esta actriz “Rosalía” vai sorprender ao público, “tanto ao infantil como ao adulto”, pola mesma “imaxe dunha que quizais non teñan asociada á poeta, pero a obra explica que Rosalía foi unha nena como todas e quizais a primeira sorpresa para os espectadores é ver a Rosalía como a cría que foi, cos xogos e as desobediencias”.

VÍDEO

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS

Rematou o simulacro

Lugo

19-04-2024

Horario pendente de confirmación


O dragón de ouro

Narón

20-04-2024

Horario pendente de confirmación


Royal Circ

Santiago de Compostela

20-04-2024

18:00


Via Morta

Vimianzo

20-04-2024

20:30


O secuestro da bibliotecaria

Tomiño

21-04-2024

17:30


Via Morta

Sarria

21-04-2024

20:00


Made in Galiza

Lugo

25-04-2024

Horario pendente de confirmación




MÁIS NOVAS EN CULTURACTIVA.ORG