PhoneEmail

Somos

Somos

Culturactiva é unha constelación de cooperativas que traballan na xestión cultural e que cren na cultura como motor de cambio social.

Levamos 25 anos traballando nos eidos do teatro, música, circo, produción escénica e musical, distribución, xestión integral de programación e organización de festivais e proxectos culturais. En resumo: procuramos achegar propostas de calidade e solucións reais á programación das entidades e institucións.

Culturactiva está formada por un grupo dunhas quince persoas que traballan desde o amor á cultura e o compromiso, nas áreas da xestión, creación, distribución, produción, comunicación e administración; acompañando a máis dun cento de artistas e compañías de diferentes disciplinas, xeografías e estilos.

Cada ano realizamos máis de mil actuacións. Pero, xunto coa cantidade, é a calidade do noso traballo o que nos converte nun referente no teatro cómico e de rúa, na música e na creación e produción de proxectos culturais transformadores. Temos un forte compromiso co país, e por iso apostamos por propostas que potencian a nosa lingua, a igualdade de xénero, a inclusión, os valores sociais, educativos e a solidariedade internacional.

Compromiso e traballo van da man, por iso desde 2005 constituímos, apoiamos e impulsamos a labor da ONGD Pallasos en Rebeldía, un colectivo artístico de orixe galega que se espallou por todo o mundo. Pallasos en rebeldía conforma unha rede internacional de artistas que promove a solidariedade e a risa como ferramentas para mudar o mundo. Desenvolve o seu traballo en múltiples países, pero especialmente en lugares en conflito, como Palestina, o Sáhara, Idomeni, Chiapas ou Brasil.

Construímos día a día unha cultura activa, que avance cara o mundo que queremos, desde unha Galiza orgullosa das súas raíces que ocupe o seu lugar no panorama internacional como creadora de arte e expresións culturais.

Convidámoste a coñecer máis polo miúdo a nosa labor, os nosos espectáculos e a seguirnos nas redes sociais!

Proxectos

 

Magiclown

Magiclown

O Magiclown converteuse nun dos festivais de referencia a nivel estatal no mundo do clown na súa primeira etapa e rexurdiu en 2023 para levar a Sant Josep de sa Talaia (Ibiza) algunhas das mellores propostas artísticas do momento. Galas de maxia, compañías teatrais de prestixio, animacións de rúa e proxectos solidarios de cooperación internacional centran esta actividade. O Magiclown non é só un festival de maxia e circo, senón que tamén conta cunha compoñente solidaria da man da ONG Pallasos en Rebeldía.

Máis información: https://www.magiclown.org
 

 

Festiclown

Festiclown

O Festiclown é un festival internacional de circo e artes de rúa creado por Iván Prado e Culturactiva no 2001 que pasou por tres continentes. Asia con sede en Palestina, América con edicións en Brasil, México e Colombia e Europa con varias sedes en Galicia e Madrid.  Conta cunha versión chamada Festaclown que se celebra desde hai case unha década en Vilagarcía de Arousa e Rivas-Vaciamadrid.

Máis ca un festival, é un artefacto de alegría rebelde, que propón a risa como panca para mover o mundo e o clown como arma de diversión masiva. Cada ano reúne a milleiros de persoas para asistir a espectáculos circenses e teatrais que propoñen unha ollada rebelde e solidaria sobre o mundo.

Máis información: https://www.festiclown.org/

 

Festigual

Festigual

O Festigual –Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade - está promovido pola Fundación Emalcsa e o  Concello da Coruña e xestionado por Culturactiva. Nace e perdura cun fin: xerar espazos de convivencia e transformación a prol da inclusión ao redor das artes.

A través de distintas disciplinas artísticas, non só pretende concienciar sobre a urxencia de facilitar espazos nos que todo o mundo poida acceder ás artes, senón tamén da necesidade de crear dende as marxes para que o público xeral poida ampliar olladas. A súa finalidade é facilitar o acceso á cultura a calquera persoa independentemente das súas capacidades, poñendo no centro a accesibilidade e o goce de toda a poboación

Máis información: https://www.festigual.gal/

 

 

Brion Inclúe

Brión Inclúe

O Festival Brión Inclúe promove a inclusión real das persoas con discapacidade como creadoras e consumidoras de cultura; isto é,  visibilizar e normalizar a diversidade funcional a través da cultura, facendo fincapé no dereito de todas as persoas a crear e consumir cultura sen barreiras.

Ao longo de todas as súas edicións, programa unha ampla selección de actividades culturais, como música, teatro, maxia e contacontos.

 

 

Mover os marcos

Mover os marcos

Mover os marcos é un encontro, un espazo no que a xente nova debate sobre temas cruciais como as relacións sociais, a saúde mental, o medio ambiente, o deporte, as ruralidades, a literatura ou a tecnoloxía, entre outros. Celebrado en Santiago de Compostela e promovido pola Deputación da Coruña, este encontro ten como obxectivo crear un espazo compartido de debate onde as asistentes participan activamente na creación de novas ideas, debaten sobre o establecido, aportan olladas novas e atopan novos prismas dende os que mirar.

 

 

MUMI

MUMI

O MUMI é un encontro organizado pola Asociación Cultural Músicas no Minho, que convoca a profesionais do sector musical e cultural galego e portugués co obxectivo de crear unha ponte de ida e volta real e estable para as nosas músicas. A feira conecta artistas, bandas, promotoras, axencias e empresas de management, festivais, editoras musicais, empresas de servizos e produción, entre outros, para coñecer novas propostas en primeira persoa, establecer redes de contacto, compartir ideas e crear sinerxias sólidas.

 

 

Guerrilla

Guerrilla

Un proxecto que nace coa finalidade de pór en valor as loitas sociais e culturais históricas que se artellaron no noso país.  Guerrilla nace para perseguir a utopía a través da cultura. Unha cultura comprometida, alternativa, revolucionaria, de resistencia e accesible a todo o mundo.

A través de diferentes propostas artísticas e culturais, Guerrilla funciona como escaparate de pequenas accións culturais que contribúen a construír unha sociedade máis xusta. Un modo de loitar en guerrilla polos mesmos valores polos que loitaron as guerrillas historicamente.