Formulario de busca

Rilo & Penadique


Rilo & Penadique é unha compañía de recente creación que une os talentos de Vero Rilo e Sonsoles Penadique para a narración e a música.

Vero Rilo ten unha longa e consolidada traxectoria como contacontos. Educadora na Escola Semente, cursou estudos de iniciación ao teatro da man de Carlos Neira e outros específicos de contadora con Charo Pita e Tim Bowley. Á fronte de Daboapipa moveu, cun formato que combina música e conto, diversos espectáculos para público adulto e infantil, por toda Galicia e mesmo alén do Miño.

A formación musical de Sonsoles Penadique é envexable. Licenciada en Historia da Arte na especialidade de Historia da Música e Patrimonio Artístico pola USC e diplomada en Educación Musical pola UVigo, realizou estudos de linguaxe musical, técnica vogal, coral e harmonía moderna na Escola Estudio, e ten tamén o Posgrao de Música Tradicional Galega da USC. Desde cativa estivo vencellada á música tradicional como bailadora, cantareira e gaiteira, e comezou a estudar acordeón diatónico no 2009 con Xavier Blanco, Carlos Quintá e Pedro Pascual. Traballou en diferentes centros de primaria, secundaría e conservatorios, e tamén é profesora de acordeón diatónico, canto, música e movemento e linguaxe musical na Escola Municipal de Música de Moraña e na A.C. Trépia. Tamén colabora coas Escolas Infantís Semente de Compostela e Vigo e coa Cruz Vermella de Pontevedra.

Como elas din, "xuntáronse o amor pola literatura e a palabra dita co amor pola música e o universo da infancia, e aquí estamos…". Narran, cantan e musican historias, contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nacidos dende algún lugar do ser. Fusionan o mundo da infancia coa palabra e a música dando lugar a espectáculos de narración oral para crianzas e familias.



Máis artistas do catálogo

Sue Moreno

+ INFO

Os Monifates

+ INFO

Liniker e os Caramelows

+ INFO

Txarango

+ INFO