Formulario de busca

NOVAS

Remata con éxito o segundo obradoiro para intérpretes con discapacidade promovido por Culturactiva e o Centro Dramático Galego

  • A iniciativa é pioneira en reflexionar sobre o tratamento da discapacidade nas artes escénicas
  • O director Ignacio García foi o encargado de conducir os dous obradoiros realizados en Santiago de Compostela

O segundo obradoiro para intérpretes con discapacidade deu remate a pasada fin de semana na Cidade da Cultura. Esta iniciativa de Culturactiva e o Centro Dramático Galego constitúe un proceso de formación escénica pioneiro e único na escena galega, ao propoñer un espazo de reflexión e traballo sobre como se inclúe e se trata a cuestión da diversidade funcional nas artes en xeral, e no teatro en particular. O obradoiro estivo dirixido a intérpretes con discapacidade.

Dinamizado por Ignacio García, o obradoiro comezou a súa andaina no mes de decembro, cunha convocatoria extensiva que reuniu unha trintena de participantes. Nel comezouse unha reflexión sobre as barreiras e a discriminación de todo tipo á diversidade funcional, así como a segregación no teatro clásico. Catro intérpretes continuaron afondando na temática do obradoiro nunha segunda fase do mesmo, máis intensiva.

Ignacio García é un dos directores de escena máis relevantes a nivel estatal e europeo, e experto en pedagoxía do teatro. García conta cunha ampla experiencia dirixindo teatro e ópera, foi director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro entre 2017 e 2022, e adxunto á Dirección Artística do Teatro Español de Madrid de 2004 a 2009. Ademais, recibiu premios a mellor director e mellor director novo da Asociación de Directores de Escena de España e do I Certame de Creación Escénica do Teatro Real de Madrid.

Culturactiva, a entidade encargada de xestionar este proxecto, leva unha traxectoria de case unha década de traballo en inclusión a través da cultura. Bo exemplo disto son iniciativas como o festival Brión Inclúe, que propón unha programación pensada dende e para a inclusión real de persoas con discapacidade e que reivindica o dereito a facer e consumir cultura sen barreiras. A aposta de Culturactiva é seguir potenciando iniciativas neste eido, que utilicen a cultura como ferramenta de transformación social.

PRÓXIMAS ACTUACIÓNS

Concerto singular

Cambados

09-05-2024

Horario pendente de confirmación


Via Morta

Rianxo

10-05-2024

Horario pendente de confirmación


Made in Galiza

Padrón

10-05-2024

12:30


Indóciles

Monforte

10-05-2024

20:15


Indóciles

A Illa de Arousa

11-05-2024

Horario pendente de confirmación


Rematou o simulacro

A Coruña

11-05-2024

Horario pendente de confirmación


Made in Galiza

Muros

11-05-2024

20:30




MÁIS NOVAS EN CULTURACTIVA.ORG