Esta obra de Sechu Sende abre as portas ao humor reflexivo, á poética ao alcance de todo o mundo, a través dun texto que move e conmove. O teatro feito emoción, sentimento, plasticidade, e confronto. Un teatro con personaxes cos que se identificar e cos que transitar ao seu carón por diversas situacións. Made in Galicia aporta todo iso de xeito claro. A obra transita por momentos recoñecibles no día a día e combina temas de Sociolingüística con maneiras de vivir e pensar amables e xenerosas ás que chegar mediante o lúdico e o divertido, con pouso. Un xeito de seducir en cuestións de lingua, non de impoñer nada a ninguén. Dos 42 relatos que compoñen a obra escrita por Séchu Sende no ano 2007 e elixido como libro do ano no 2017, Sarabela Teatro fará unha escolma significativa. Cada conto é diferente e está protagonizado por personaxes distintos. O tránsito comeza coa claridade na maneira de ver as cousas de Clara (nome simbólico) en Falar, nena que con un ano e poucos días é quen de percibir como se desenvolve nunha casa a perda da transmisión interxeracional. É case un 'mira quen fala' unido a un 'mira en que lingua fala' , feito con cariño polas persoas e pola lingua. Todos os contos resultan retranqueiros, combativos, tenros, cómicos e poéticos. Aguerrida proposta na necesaria defensa dese tesouro que é a lingua galega.