‘Molto Barroco’ de Píscore recibe o premio do público na XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño
A XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño desenvolveuse entre o 3 e o 9 de agosto deste ano cunha gran afluencia de público e un altísimo nivel de calidade nas propostas escénicas programadas.
Como cada ano, o público tivo un papel esencial ao converterse tamén en xurado de tódalas propostas, otorgándolles unha puntuación de 1 a 5 tanto ás obras para adultos como ás infantís. Nesta última categoría a compañía Píscore recibiu a maior puntuación (684 puntos) pola súa representación de ‘Molto Barroco’, unha delirante comedia que mestura a arte da composición musical co humor, o baile e os xogos malabares. ‘Molto Barroco’ pasou pola Mostra na mañá do día 6 de agosto, no Auditorio Municipal.
Deste modo, estamos moi entusiasmadas de poder compartir que Píscore obtén o Premio Público Infantil 2025 da XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño. Como marca a tradición do festival, o galardón será entregado oficialmente durante o verán de 2026 no Concello de Cariño.