Máis cultura, máis cidade, máis Festigual de Emalcsa: o festival das artes inclusivas volve á Coruña en novembro
O Festigual, Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade da fundación Emalcsa, regresa á Coruña do 5 ao 28 de novembro cunha ampla programación que combina creación contemporánea, propostas familiares, espectáculos profesionais accesibles e actividades comunitarias. Organizado pola Fundación Emalcsa e impulsado polo Concello da Coruña, o festival chega á súa novena edición consolidado como un referente estatal na promoción da accesibilidade cultural.
Baixo o lema “Máis cultura, máis cidade, máis Festigual”, o evento espallarase por unha ducia de espazos da cidade, incorporando este ano novas sedes como a Fundación María José Jove, a Fundación Marta Ortega ou mesmo o Centro Penitenciario de Teixeiro, onde se representará unha versión inclusiva de Yerma, da asociación Noite de Bohemia.
O Festigual entende a inclusión “non como un apartado especial, senón como a forma natural de facer cultura”. Por iso, todas as propostas contan con medidas de accesibilidade, como subtitulado, intérpretes de lingua de signos ou mochilas vibratorias, e con iniciativas que dan protagonismo a colectivos en situación de vulnerabilidade.
A inclusión enténdese no seu sentido máis amplo: non só como accesibilidade, senón como recoñecemento e apertura a todos os espazos e persoas que fan da cultura un lugar de encontro. Por iso, a edición abrirá coa Gala Música Baixo as Estrelas, que levará ao Teatro Colón ás músicas e músicos da rúa, poñendo en valor o seu talento cotián e reivindicando o seu papel como parte esencial da banda sonora da cidade. Presentada por Fran Rei e Corina Alfonso, esta gala-concerto reunirá a Sophie Simonds, Kreze, Manu New Orleans Band, Asociación AÏS e o Mago Teto.
A programación inclúe teatro, danza, música, cinema, exposicións e obradoiros participativos. Entre os espectáculos destacados figuran O pequeno poni de Redrum Teatro, De tu a tu do Collectiu Mur, De corpo e palabra de Experimentadanza ou Podemos volar sin alas de Cris de Miguel. Tamén haberá espazo para proxectos de cultura urbana e arte terapéutica, coa celebración da Xornada de Arte e Saúde no Hospital de Oza.
O cinema incorpórase por primeira vez ao festival coa programación Un plano diferente no Fórum Metropolitano, mentres que o gran peche musical correrá a cargo de A Banda da Loba, que presentará o seu novo disco Lovismo no Centro Ágora.
Dende a súa creación, o Festigual da Fundación Emalcsa ten desenvolvido máis de 130 actividades, con 800 artistas e profesionais e a participación de máis de 13.000 persoas, convertendo A Coruña nunha cidade referente na cultura inclusiva.
Podes consultar o programa completo na web festigual.gal



 
 
 
 
 
 
 
 
