As Mil e Unha, o novo espectáculo de Vero Rilo para as Letras Galegas 2026 en homenaxe a Begoña Caamaño
As Mil e Unha é o novo espectáculo de narración oral e música de Vero Rilo, acompañada polo músico Luís Iglesias, creado co gallo das Letras Galegas 2026, adicadas á escritora viguesa Begoña Caamaño.
Concebido como un programa radiofónico en directo, As Mil e Unha propón unha viaxe imaxinativa e chea de sensibilidade polo universo literario de Caamaño.
E se por arte de maxia conectásemos coa Circe da autora?
E se Morgana chamase á radio desde Esmelle?
E se Penélope estivese hoxe a tecer os fíos da actualidade?
Todas estas preguntas atopan resposta nun espectáculo que mestura palabra e música para falarnos do presente a través dos mitos.
Dirixido a público familiar, o espectáculo achega ás espectadoras e espectadores ás mulleres míticas que poboan a obra de Begoña Caamaño, á súa palabra lúcida e comprometida e á súa maneira única de revisitar os relatos clásicos desde unha ollada contemporánea e feminista.
Da man das historias narradas por Vero Rilo e da música interpretada en directo por Luís Iglesias, As Mil e Unha convida a descubrir o legado dunha autora fundamental da nosa literatura, facendo da celebración das Letras Galegas deste ano unha experiencia emocionante e compartida.