‘Circo Cambuche’ gaña o 1º premio do FITEC no CUAC de Rivas-Vaciamadrid
Henriko e o seu espectáculo ‘Circo Cambuche’ veñen de acadar o 1º premio outorgado polo Festival Internacional de Teatro de Calle de Getafe (FITEC) na Convención Universal de Artes Circenses (CUAC), celebrada recentemente en Rivas-Vaciamadrid. Este recoñecemento supón, ademais, a confirmación da participación da proposta no Festival FITEC 2026, que terá lugar na cidade de Getafe.
‘Circo Cambuche’ é unha peza de rúa en clave de traxicomedia circense que mergulla ao espectador na memoria dun circo do século pasado. O seu protagonista, Kike Castro, encarna ao último supervivente dunha familia de funambulistas. Cada domingo, visita a vella carpa familiar e revive, entre lembranzas e fantasías, os días de gloria do Circo Cambuche.
A través dun xogo escénico cargado de emoción, humor e poesía, Kike intenta volver camiñar sobre o arame como cando era neno, pero só será quen de facelo grazas a un encontro máxico cunha misteriosa muller que lle recorda á súa avoa. Este personaxe simbólico dálle a forza necesaria para reconectar co pasado e atreverse de novo a voar sobre o fío do recordo.
O espectáculo converte o arame nun fío condutor entre tempos, emocións e xeracións, e ofrece ao público unha experiencia cargada de nostalxia, beleza e técnica circense de alto nivel.
Con este recoñecemento do FITEC, Henriko consolida a súa traxectoria como unha das voces máis singulares do novo circo ibérico, e ‘Circo Cambuche’ prepara xa o seu camiño cara ao FITEC 2026, onde promete seguir emocionando a públicos de todas as idades.
Podes coñecer máis sobre 'Circo Cambuche' nesta ligazón, e tamén sobre os outros espectáculos de Henriko nesta outra.