O Concello de Ferrol celebra unha nova edición do programa Teatro Veciñal, con obradoiros impartidos por Helga Méndez
O prazo de inscrición xa está aberto a través do correo electrónico teatrovecinal@ferrol.es ou no teléfono 981 582 836.
O Concello de Ferrol celebra este ano unha nova edición do programa municipal Teatro Veciñal, cuns obradoiros impartidos pola ferrolá Helga Méndez e xestionados por Culturactiva. A actividade comezará o próximo martes, día 10 de febreiro e prolongarase ata finais do mes de maio. Mesturará aulas prácticas con encontros e a creación de obras orixinais.
O Concello continúa así cun proxecto que procura facilitar o acceso da cidadanía ás creacións artísticas de calquera disciplina. Os talleres terán un enfoque completamente práctico e estarán dirixidos a todas as persoas interesadas no teatro, con ou sen experiencia previa. Trátase dunha proposta orientada a acompañar ao alumnado no descubrimento do proceso teatral dende cero: a representación, a técnica, o vestiario a actitude e, sobre todo, a paixón pola dramaturxia. Para culminar o proxecto, crearase de forma grupal unha peza teatral por cada un dos obradoiros.
Helga Méndez impartirá as formacións os martes e mércores, de 19:00 a 21:00 horas, na Casa da Xuventude de Ferrol (Rúa Almendra, 9).
O prazo de inscrición, de balde, para persoas a partir dos 16 anos xa está aberto e rematará o día 20 deste mes. Pode facerse a través do correo electrónico teatrovecinal@ferrol.es ou no teléfono 981 582 836.
