En San Froilán 2025, moita música e artes escénicas da man de Culturactiva
O San Froilán 2025 chega cargado de propostas culturais para todos os públicos, e nesta edición Culturactiva estará presente cunha ampla selección de artistas que encherán as rúas e escenarios de Lugo de música, teatro e humor.
O programa contará coa participación de destacados nomes da escena musical e escénica galega, estatal e internacional, ofrecendo espectáculos diversos e de calidade para celebrar as grandes festas da cidade.
Música para todos os gustos
A programación musical inclúe voces únicas e sons que van do fado ao folk festivo, pasando pola fusión, o soul, o punk rock e a música tradicional:
- Cristina Branco (5 de outubro, 21:00h). A recoñecida artista portuguesa achegará o seu fado contemporáneo, íntimo e cheo de emoción na Praza Santa María.
- El Pony Pisador (10 de outubro, 23:30h). A banda catalana porá a nota máis festiva cun espectáculo cheo de humor, ritmos celtas e músicas do mundo na Praza Santa María.
- Queralt Lahoz (11 de outubro, 21:00h). A poderosa voz de Queralt Lahoz mesturará estilos nunha proposta chea de forza e identidade atravesada polos sons latinos, de raíz e urbanos, o soul, o hip hop e o dancehall. Tamén na Praza Santa María.
- Loita Amada (12 de outubro, 21:00h). Os da Estrada, que veñen de presentar novo disco, aportarán compromiso e enerxía co seu punk rock na Praza da Mosqueira.
- Guadi Galego (12 de outubro, 22:00h). Unha das grandes voces da música galega, este será o seu penúltimo concerto na xira Síntese Horizonte. Actuará no escenario da Horta do Seminario.
Teatro, humor e movemento nas rúas
As artes escénicas tamén terán un papel protagonista con espectáculos para públicos de todas as idades:
- "Cruunch 2" de Muu (7 de outubro, 18:30h). Unha peza chea de xogo físico, humor e acrobacias que fará gozar a grandes e pequenos no patio exterior do Seminario Menor.
- "Gran Sonata" de Le Puant (9 de outubro, 18:30h). Un dúo cómico-musical que mestura virtuosismo e clown nun espectáculo para todos os públicos, tamén no patio do Seminario Menor.
Desde o 4 ata o 12 de outubro, San Froilán será unha festa das artes grazas á presenza de propostas tan diversas como apaixonantes. Unha cita imperdible para quen busca cultura viva.