IALMA celebra o seu 25 aniversario cunha serie de concertos arredor do mundo e cunha xira en Galiza: “IALMA 25 anos - Para Galegas NÓS”
Cunha homenaxe a Galiza, á diáspora e á forza das pandereteiras, IALMA anuncia catro datas para este outono que comezan o sábado 15 de novembro en Vimianzo.
IALMA publicou o seu primeiro álbum Palabras Darei a finais do ano 2000 e, desde entón, leva editados sete discos. O grupo revitaliza a música popular galega cunha proposta moderna e profundamente enraizada na tradición.
Ao longo destes 25 anos, IALMA actuou en numerosos países e recibiu diversos recoñecementos como embaixadoras da cultura galega polo mundo. Agora, na súa xira por Galiza, o grupo presenta un espectáculo que recolle toda a súa traxectoria: “IALMA 25 ANOS – PARA GALEGAS NÓS”.
Todas as cancións están interpretadas en galego e acompañadas de instrumentos folk como o acordeón diatónico, o violín, a guitarra, as voces e as pandeiretas galegas. O repertorio inclúe pezas tradicionais e composicións propias que reflexan a súa identidade como emigrantes galegas nadas na diáspora, levando a nosa tradición e compromiso por todo o mundo.
Malia que viven en Bruxelas, Verónica Codesal, Natalia Codesal, Marisol Palomo e Eva Fernández manteñen unha conexión permanente coas súas raíces galegas. Ao longo destes 25 anos, a cultura musical e as tradicións de Galiza foron o corazón da súa creación artística, inspirando un repertorio que bebe da tradición oral galega pero que dialoga coas culturas, linguas e estéticas que conforman a vida cosmopolita da capital europea.
As catro voces galegas estarán acompañadas por tres músicos belgas, entre eles Didier Laloy, que leva 25 anos compartindo escenario co grupo. Didier expresa o seu fondo agradecemento por formar parte deste proxecto musical que simboliza a unión entre culturas e sons, e que deu forma ao inconfundible estilo de IALMA.
A banda contará ademais con artistas galegos convidados nos catro concertos, amigos e cómplices que as acompañaron ao longo destas dúas décadas e media de camiño e aos que agradecen o seu apoio para manter viva esta riqueza cultural na diáspora.
Considerado un dos grupos galegos máis destacados da emigración, IALMA realizou un gran número de xiras internacionais. A súa voz principal, Verónica Codesal, representou a Bélxica en Eurovisión hai 20 anos, sendo a primeira vez que soou unha gaita galega no certame. Desde entón, segue a cantar en diversos proxectos musicais, sempre co seu compromiso fondamente galego e universal.
Unha homenaxe á memoria e ás raíces
Esta nova xira celebra non só os 25 anos do grupo, senón tamén o 50º aniversario do fin da ditadura franquista, un fito que marcou a historia de miles de familias galegas, incluídas as das propias integrantes de IALMA, que emigraron a Bélxica na busca de liberdade e futuro.
Neste contexto, este proxecto convértese en moito máis que un concerto: é, dunha parte, un acto de memoria e resistencia, un canto a todas esas persoas que se viron forzadas a abandonar a súa terra. Doutra parte, é tamén unha reivindicación de todas esas figuras, pandeireteiras e cantareiras, que as apoiaron e ensinaron tanto dentro como fora da Galiza, e que contribuíron a que manteñan viva a tradición na diáspora. Despois do documental Tempo da Recolleita, lanzado fai xa máis de 15 anos, IALMA segue a reivindicar a todas esas mestras neste 2025, Ano das Cantareiras.
A xira galega ten confirmadas as seguintes datas, que consistirán en concertos especiais nos que se repasará o repertorio do grupo xunto a artistas convidados, e que contarán tamén con faladoiros despois de cada actuación:
- 15 de novembro de 2025 – Vimianzo, Auditorio Casa da Cultura. Dentro do programa Outono das Artes, da Deputación da Coruña.
- 16 de novembro de 2025 – O Pino, Centro Sociocultural Luís Seoane. Dentro do programa Outono das Artes, da Deputación da Coruña.
- 19 de novembro de 2025 – Padrón, Casa Rosalía. Data promovida pola Secretaría Xeral da Lingua, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
- 20 de novembro de 2025 – Carballo, Pazo da Cultura. Dentro do programa Outono das Artes, da Deputación da Coruña.
