Debates, humor e música en directo na segunda edición de Mover os Marcos
A segunda edición do proxecto achega os debates culturais e sociais á mocidade compostelá a través de novos formatos e escenarios como o Auditorio de Xornalismo, a Igrexa da Universidade e a Casa das Máquinas de Santiago de Compostela entre o 1 e o 4 de outubro e combina conversas sobre a lingua, ecoloxía, identidades e vivenda con concertos falados, podcast en vivo, danza urbana e actuacións musicais.
Santiago de Compostela acollerá, do 1 ao 4 de outubro, unha nova edición de Mover os Marcos, con conversas, música e espectáculos en directo, concertos falados, humor e cuestionamento social. A situación da lingua, o discurso ecoloxista, as identidades ou a vivenda serán algunhas das temáticas destas xornadas de encontro xeracional. A oferta complementarase con propostas culturais que inclúen break dance, podcast en vivo, presentacións pechacucha e concertos de bandas galegas emerxentes. Así o anunciaron o pasado venres, día 19 de setembro, as deputadas de cultura, Natividade González, e de lingua e dereitos civís, Soledad Agra; o concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro e a vicerreitora de estudantes e cultura, Pilar Murias Fernández, nun acto no que tamén estiveron presentes algunhas representantes das participantes no programa.
Nacido en 2024 como un espazo para cuestionar o establecido e dar protagonismo ás voces emerxentes da Galiza, Mover os Marcos presentouse como unha experiencia pioneira de diálogo colectivo. Baixo o lema “Festival para unha vida mellor”, esta edición non busca só falar de temas illados, senón abrir un espazo de reflexión sobre as tensións que marcan á mocidade de hoxe:
a vivenda, o medio, as identidades ou os dereitos. Son preocupacións actuais que, porén, dialogan coas loitas doutras xeracións, lembrando que cada avance presente é froito das batallas pasadas.
Actividades en diferentes espazos
Do 1 ao 3 de outubro, o Auditorio de Xornalismo converterase nunha aula aberta onde a comunidade universitaria e o público xeral están convidados a participar en tres xornadas de conversas. O día 1 abrirase coa mesa Proxectos para vivir en galego, que contará con voces como Carlos Callón, Alberto Pombo e Noemí García. O 2 de outubro será a quenda de Medio e ecoloxía: coidar do noso, cun diálogo impulsado por ADEGA e no que participarán creadoras de contido como blondiemuser e activistas como Rogelio Sánchez. O ciclo pecharase o 3 de outubro con Vivir na Galiza dos anos 20, unha sesión que abordará cuestións de actualidade como os dereitos LGTBI (Daniela Ferrández), a vivenda (Plataforma Vivenda Xa) e a inmigración (Barry Elhadj Mamadou, de Guinea Conakry).
A Igrexa da Universidade, un dos espazos máis emblemáticos da USC e punto de encontro habitual da mocidade compostelá, acollerá os concertos falados desta edición. O 1 de outubro, ás 21:00 horas, o público poderá coñecer de preto a traxectoria de Hugo Guezeta, nunha sesión conducida por Rodri Míguez. O 2 de outubro, tamén ás 21:00 horas, será a quenda de Alana, que combinará conversa e música en vivo para amosar o seu universo creativo.
O sábado 4 de outubro a actividade trasládase á Casa das Máquinas. Alí combinaranse diferentes propostas que van desde o break dance da Vella Escola ata as presentacións pechacucha de proxectos creativos como a Revista Rebelico, Orgullo Galego, Horta Creativa, Lixo Atelier ou O Tinglao de Carnota. A xornada incluirá tamén o podcast en directo Prendídisima, a enerxía do Colectivo do Flow e os concertos de Leria e Tiam GZ.