Un ano máis enchendo Vilagarcía de risa, acrobacias e solidariedade
A programación da nova edición do festival FESTACLOWN, que terá lugar en Vilagarcía de Arousa entre o 18 e o 23 de agosto, presentouse esta mañá nunha rolda de prensa.
Este verán, Vilagarcía volverá converterse nun gran escenario ao aire libre coa chegada dunha nova edición do FESTACLOWN, unha cita imprescindible no calendario cultural galego para o humor, o xogo e o abraio.
O programa deste ano presentouse esta mañá nunha rolda de prensa que tivo lugar no Parque de Ravella e na que interviron o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, o concelleiro de Turismo de Vilagarcía, Álvaro Carou, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, e o coordinador do FESTACLOWN, Nacho Fungueiriño.
Nesta rolda de prensa deuse a coñecer aos medios o programa completo, que se desenvolverá entre o 18 e o 23 de agosto, con propostas e espectáculos para todos os públicos ca música e o clown como fío condutor. A organización do festival destacou que o FESTACLOWN non só é unha celebración do circo contemporáneo, senón tamén un punto de encontro para diferentes xeracións e culturas con “compromiso coa solidariedade, a inclusión e o feminismo”.
Dende Agadic, Jacobo Sutil destacou a “posta en valor e a presencia das compañías galegas no cartel, e o compromiso do evento coa situación de Gaza e coa accesibilidade integral”. Do mesmo xeito, dende a alcaldía da vila resaltouse o “orgullo” que supón para Vilagarcía apoiar este evento que “abrangue a todas as idades cun carácter reivindicativo”.
Nado como unha especialización do FESTICLOWN, o festival asentado en Vilagarcía está xa consolidado como unha referencia no panorama circense estatal, combinando a súa esencia galega cun espírito aberto e solidario no que tamén teñen cabida propostas internacionais. A súa traxectoria está marcada por unha aposta polas compañías emerxentes e a complicidade co público, que poderá participar en moitos dos espectáculos e na escolla da súa proposta favorita mediante o tradicional voto popular.
Nesta nova edición, artistas de diferentes partes do mundo achegarán propostas sorprendentes e cheas de talento. O FESTACLOWN 2025 contará con compañías como Circo Rojo (Colombia/Canarias), Cía A Tope (Arxentina), ou Abraham Arzate (México), espectáculos que mesturan humor, ilusións e moita personalidade cun alto grado de complexidade técnica para abraiar a maiores e pequenos.
O programa tamén inclúe proxectos singulares de compañías estatais e galegas, como os de Bot Project (Cataluña/Valencia), unha proposta de trampolín moi orixinal, ou Marta Alonso Tejada (Galicia), que fusiona danza e clown para romper barreiras entre escena e público, entre moitas outras: Rendos Pequeno, Henriko Circo (que ofreceu unha pequena mostra de malabarismos ao remate da rolda de prensa), Mago Teto, Garrapete Clown, Nacho Flores, A Cova das Letras, etc.
Todos eles enmarcados nun contexto de solidariedade no que se desenvolverá unha gala por Palestina a cargo da ONG Pallasos en Rebeldía: Circo contra a barbarie, na que participarán Mercedes Peón, Kote Malabar, Mago Teto, Marta Iglesias e Zirko Txosko. O FESTACLOWN 2025 é unha celebración compartida na que o humor se vive en comunidade.
Convidámoste a vir e deixarte sorprender!