Castelao, a infancia do xenio galego sobe ao escenario nunha montaxe de Culturactiva Producións con texto de Paula Carballeira
Estreada en 2023 por Culturactiva producións, a obra infantil Castelao cobra un novo sentido neste 2025 coa celebración do Ano Castelao, no que se conmemoran os 75 anos do seu pasamento (1950) e se homenaxea a súa figura como referente esencial da cultura galega. A coincidencia co lanzamento da longametraxe Antes de Nós, que ofrece unha visión cinematográfica inédita, reaviva o interese por aproximarse á súa vida e obra dende múltiples linguaxes e perspectivas.
Dirixida por Fina Calleja e con texto de Paula Carballeira, Castelao convida á rapazada a descubrir o universo emocional e artístico dun neno Daniel en vésperas dunha gran viaxe: cruzar o océano rumbo a Arxentina para reencontrarse cun pai ausente. Pero antes de partir, Daniel perdeuse polas rúas de Rianxo na compaña de Baltasara, unha moza libre e misteriosa que coñece todos os segredos da vila e reta ao rapaz a retratar co seu enxeño cada recuncho que exploran xuntos.
Protagonizada por Mónica Caamaño e Cris Collazo, a montaxe mergulla o público nunha tarde chea de xogos, emocións e aventuras, na que o pequeno Castelao debuxa, xoga cos barcos de cortiza e escoita historias da Santa Compaña ou do barbeiro dos sábados, tentando gardar para sempre a memoria da súa vila antes da despedida. O espectáculo combina narración, dramatización e unha potente carga visual inspirada na propia obra artística de Castelao: as súas cores, formas e sentimento.
A proposta pon tamén no centro o universo femenino que rodeou ao neno Castelao, coa presenza destacada da nai e da figura de Baltasara, reivindicando a pegada das mulleres na súa formación vital e artística.
Con esta montaxe, Culturactiva continúa a súa aposta por un teatro galego comprometido coa cultura e a memoria, ofrecendo unha viaxe teatral que é, ao tempo, pedagóxica, divertida e profundamente emocionante.
A obra segue dispoñible para programacións escolares e culturais, e pode consultarse no catálogo de espectáculos de Culturactiva.
Próximas datas:
- 19 de xullo - Parada de Sil
- 11 de setembro - Vimianzo
- 19 de setembro – Ames
- 21 de setembro – Cerceda
- 27 de setembro – Bergondo
- 5 de outubro – Noia
- 23 de outubro – O Grove
- 25 de outubro – Val do Dubra
- 26 de outubro – Valdoviño
- 21 de novembro - Ortigueira