San Fermín 2025 con protagonismo galego: Boneca Lareta animou as rúas de Pamplona con dos espectáculos
A compañía ourensá Boneca Lareta foi a encargada de inaugurar a programación de pasarrúas das festas de San Fermín 2025.
O luns 7 de xullo, tomou as rúas “The Magic Brothers Big Band”, un pasarrúas cheo de música, humor e fantasía que atrapou ao público dende o primeiro compás.
Este espectáculo consistiu en oito músicos en directo (trompetas, saxos, tuba, trombón e percusión) que animaron unha colorida comitiva na que cinco monicreques xigantes cobran vida: bailan, xogan co público e transforman a rúa nunha festa. Unha experiencia participativa, explosiva e chea de ledicia.
“Pingüíns” foi o protagonista no día do famoso chupinazo, o domingo 6 de xullo, unha proposta poética e visual que emocionou e abraiou nas rúas de Pamplona.
Catro maxestosos pingüíns de catro metros de altura desfilaron entre o público ao ritmo da música, danzando coa elegancia dun soño polar. Un espectáculo ao que rapaces e adultos se achegaron con abraio convertendo á rúa nun escenario de fantasía.
A compañía Boneca Lareta xurdiu en Ourense no ano 2010 como un proxecto artístico multidisciplinar. O seu selo distintivo: unha mirada creativa, aberta e global. Nos seus 15 anos de traxectoria, as súas producións percorreron países como Estados Unidos, Austria, Colombia, Grecia, Uruguai, Canadá e México, entre outros.
Neste 2025, ano do seu 15º aniversario, a compañía continúa a súa expansión internacional: acaba de regresar dunha xira en Bahrein, no Golfo Pérsico, e próximamente viaxará a Arabia Saudita e Turquía.