Ana Bacalhau, unha das máis aclamadas intérpretes portuguesas, explica o proceso de lanzarse en solitario logo de cantar en Deolinda falando dos "bichos carpinteiros" que ten, que é a maneira na que en portugués se fai referencia a cando non podemos parar no mesmo lugar. “Teño bichos carpinteiros. Tiven a idea de pintar un sorriso na cara para que ninguén notase que algo me moía por dentro. Resultou e alá fun eu, sempre cos meus bichos carpinteiros a roérenme as entrañas. Houbo un día en que pediron un palco para eles. Dei ao resultado deste traballo o título de Nome próprio. Para iso, contei coa preciosa axuda de queridos e talentosos amigos, que entenderon aquilo que quería dicir. (...) A procura é un tema recorrente en boa parte das letras que canto. (...) Non sabería contar a miña historia de vida tan ben como a Capicua (Ana Matos Fernandes, “Capicua”, de Mão Verde), que me entregou un pedazo de letra tan biográfico, en “A Bacalhau”, que parece que me coñece desde que nacín. Mais non quería que este traballo reflectise só o meu embigo, senón poder continuar a dar voz a experiencias que se poden dicir universais, como o “Ciúme”, de Miguel Araújo, a “Dama da noite”, de António Zambujo e João Monge, “Maria Jorge”, da Márcia, “Morreu Romeu”, de Nuno Figueiredo, “Debaixo da mosca”, do Carlos Guerreiro ou “Para fora”, da Francisca Cortesão. Dise traballo “en solitario”, pero a verdade é que “sozinhos” nunca facemos nada que importe”. Nome próprio importa e chega, para alegría da súa lexión de fans, a todos os palcos.