As alumnas chegan o 27 de febreiro, ás 21h, ao Teatro Principal de Pontevedra nunha representación que se enmarca na programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. A obra, escrita por Paula Carballeira e dirixida por Fina Calleja, chegará tamén no mes de marzo a Carballo, o día 1, Valdoviño, o día 8, Santiago de Compostela, o día 22 e A Coruña, o 30 de marzo.
As alumnas conta a historia da pedagoga María Barbeito e, a través dela, trata da maneira na que o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. O eixo fundamental da obra é, pois, a educación como peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas.
O texto de As alumnas foi escrito por Paula Carballeira, e recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática 2023, outorgado polo Ministerio de Cultura, así como o Premio Follas Novas 2023 ao mellor libro de teatro. A obra está dirixida por Fina Calleja, con Anabell Gago e Mónica Camaño sobre o escenario.
Unha das particularidades de As alumnas á hora de tratar o tema da memoria histórica, é que pon o foco nunha figura imprescindible da nosa historia, María Barbeito, e do seu legado, a través da voz de dúas das súas alumnas. Esta obra propón un exercicio de reconstrución da memoria en oposición ao relato hexemónico sobre a educación e o rol das mulleres no marco da posguerra, contrapoñendo os modelos educativos da República e a ditadura. É unha homenaxe a todos os mestres e ao modelo de escola laica, libre e dunha pedagoxía avanzada.
As alumnas é unha produción de Culturactiva S. Coop. Galega, unha das entidades de xestión cultural máis importantes de Galicia, que aposta por montaxes teatrais innovadoras, de calidade e comprometidas socialmente.