Catropés é unha compañía galega de nova creación formada por Vanessa Rivas e Anxela Blanco, dúas mulleres que compartiron camiño no escénico, nas viaxes e nos contos, e que se achegan nesta ocasión para desenvolver o seu primeiro proxecto conxunto: Animacreques. A partir da técnica circense dos zancos e o virtuosismo da danza xorde esta proposta de animación e intervención na rúa. Un xogo visual que permitirá ao público participar e gozar desta peculiar relación entre monicreque e titiriteira.
Anxela Blanco (A Coruña, 1983) é Premio INJUVE á creación escénica por Fume, obra que dirixe e interpreta. Formouse de maneira autodidacta entre Francia e España en creación escénica e danza, e foi seleccionada para recibir diferentes bolsas, como a de Formación Permanente de Clown no CNAC (Centre National de les Arts du Cirque de France), ademais de Residencias de Creación en NORMAL, Fundación Luís Seoane ou o Centro Coreográfico Galego. En dez anos de experiencia escénica formou parte de diversas iniciativas relacionadas coa educación e coa práctica comunitaria, tanto de xestión como de mediación en colectivos e asociacións (Manicómicos, Colectivo Fume, Casa Tomada, Danesga, Sarsur, Circo de Galiza-Semente Madeleine).
Vanessa Rivas (A Coruña, 1980) é zanqueira, actriz, educadora social e contadora de historias. Empezou a súa formación artística no ano 2002 con figuras de renome internacional en lugares como Estudis de Teatre de Barcelona ou La Bont´s International Clown School de Ibiza. Posúe estudos superiores de solfexo e piano e actualmente canta na agrupación vocal O Coro da Rá. A través da súa compañía RimaVane desenvolve proxectos de carácter social, mesturando as disciplinas artísticas coa súa experiencia como educadora. Desde o ano 2004 traballa como guionista e intérprete coa Compañía Trinketrinke, facendo teatro para a animación á lectura (labor pola que acadou varios premios a nivel estatal). É membro fundadora da Asociación Cultural Manicómicos, que presidiu durante catro anos.