Baixo o nome de Cé Orquestra Pantasma agóchase o vigués César Freiria, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais. Comezou a súa andaina aos oito anos dentro da música tradicional, e dende aquela non deixou de navegar polos variados estilos da música popular, chegando a formar parte de grupos tan dispares entre si como A Roda ou a banda de punk Oxtiax Ke Te Pariu. Desde comezos do verán de 2008, este músico leva percorrido toda a xeografía galega a un ritmo de máis de 150 concertos ao ano, paseando polos mellores festivais e festas do país levando ás costas a súa proposta: Cé Orquestra Pantasma, un proxecto musical, unipersoal e versátil, grazas ao seu amplo e variado repertorio, no que se conxuga a perfección toda unha vida musical.