No 2017 xuntáronse o amor pola literatura e a palabra dita co amor pola música e o universo da infancia, e nace de parto natural Rilo&Penadique. Elas narran, cantan e musican contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nacidos dende o ser. Fusionan o mundo da infancia coa palabra e a música dando lugar a espectáculos de narración oral para bebés, rapazada e público familiar. Sonsoles Penadique leva a parte musical e Vero Rilo a narración oral.
Presentáronse na escena galega co espectáculo-obradoiro para bebés e familias ARRE RU, e pouco despois afianzáronse como dúo coa proposta para público familiar O pozo das señoras. Pouco despois saíron de Galiza para explorar novos mundos.
Ata a data acumulan novos títulos: A formiga no carreiro, Barrococó, Derriba da lúa, Historias con susto para durmir a gusto...Recentemente deron o salto ao público adulto co espectáculo Arrolando as Frores e seguen xirando con Lavandeiras.