Rosalía
Ficha artística
Texto: Nate Borrajo
Escenografía: Carlos Domínguez del Río
Música: Adrián Saavedra
Vestiario: La Canalla
Perruquería Rosalía: Raquel Fidalgo
Voz nai: Nate Borrajo
Iluminación e son: David Rodríguez e Javier Ayude “Beca”
Ilustración cartel: Anna Gelats Llobet
Deseño: Rocío Cibes
Comunicación: NóComún
Fotografía e vídeo: Elefarte
Coa subvención da Agadic (Xunta de Galicia) e co apoio da Deputación da Coruña e da Deputación de Lugo.
Agradecementos: Residencia Universitaria As Burgas, Departamento de Cultura do Concello de Teo, Museo do Pobo Galego, Pepe González Cadena SER Ourense e Dinamo Xestión.
Sinopse
María Rosalía Rita tamén foi nena. As biografías non o contan, pero unha das grandes voces literarias da historia tamén foi nena e foi nena que cantaba e xogaba, que lía e comía chocolate. Esta Rosalía que aínda non precisaba apelidarse de Castro e que está a piques de marchar a Santiago é a protagonista desta obra de teatro que quere contarlles ás nenas e aos nenos que a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor.
María Rosalía Rita agóchase no faiado, pechando a porta tras ela, facéndose forte nese lugar máxico que ben coñece, que habitou en segredo e que está ateigado de tesouros. Hoxe mesmo veñen buscala, xa lle puxeron o seu traxe de fidalguiña e uns zapatiños que non lle acaban de acaer ben. Debe abandonar a aldea para ir vivir coa súa nai despois de anos baixo a tutela das súas tías paternas. Ao outro lado a súa boa amiga Eduarda cántalle medio tristeira medio burleira:
Ritamá, Ritasá, Ritatá!
Sae xa!
Rosatí, Rosamá, Rosaví!
Sae de aí!,
Que a poderá convencer para que abra a porta e se comporte como unha señorita ben educada? E no caso de facelo, que cousas poderá levar desta vida que é a que coñece ata o de hoxe?
Esta Rosalía é unha obra de muller pensada para nenas e nenos de Primaria -e para as súas familias e docentes- por unha equipa de mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras para espectadoras e espectadores que viven no país da infancia.