Guadi Galego actúa no Festiletras e en Cervo na Semana das Letras
Remataba este venres a xira de presentación d'O mundo está parado (FOL Música, 2016), terceiro traballo en solitario da artista Guadi Galego, un ano máis no ciclo SantiAutor. Este concerto, que contou con colaboracións tan especiais coma a de Pachi García ou o grupo De Vacas, encheu até o anfiteatro o Teatro Principal compostelán. A autora ofrece esta semana dous novos concertos na Costa da Morte e na Mariña: no Festiletras, na aldea de Couto, Ponteceso, onde actuará o martes 16 ás 23 horas, e no Auditorio de Cervo estará o día seguinte, Día das Letras Galegas, ás 19.30 horas.
O mundo está parado, considerado un dos dez mellores discos do 2016 polo crítico Fernando Neira, arrasou coas vendas no primeiro mes desde a súa saída, esgotando os 1.000 vinilos da primeira tirada. Tivo a súa impresionante estrea no Concerto de Nadal da Universidade de Vigo e no Auditorio Municipal de Cedeira, cunha chea de colaboracións especiais, a súa estrea absoluta en Portugal en Arcos de Valdevez, e entre marzo e abril pasou por escenarios coma o do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Antiga Fàbrica de Estrella Damm, de Barcelona, con grande éxito, o Pazo da Cultura de Narón, ou o Café Berlin de Madrid.
No 2016, en que recibiu o Premio Martín Códax da Música á mellor artista na categoría de canción de autor, Guadi Galego presentou O mundo está parado, dez temas redondos para deter o tempo, con letras que viaxan do persoal á reflexión colectiva sobre cuestións como a identidade e a coherencia. O seus directos teñen esa sonoridade envolvente con arrecendo pop, entre a tradición e a vangarda,que acada a súa madurez neste último traballo. Cancións sobre a necesidade de parar a sentir, a reflexionar, a respirar, nun mundo que, malia a aparente velocidade e exceso de información, está parado no máis humano.