Xa está aquí o novo do Sonoro Maxín! Sete Dezasete, nas tendas e nas rúas!
O novo do Sonoro Maxín xa está aquí! Cunha xira que arrinca, como non podía ser doutro xeito, en Ourense, e que ocupa o que queda de abril e todo maio, preséntase Sete Dezasete.
Ademais de en Ourense, esta fin de semana do venres 21 (Café Cultural Auriense) e o sábado 22 (El Pueblo) poderemos velos en Carballo, Bueu, Pontevedra, Vilar de Santos, San Sadurniño, Compostela, Melide, A Coruña e Mos, con entradas anticipadas a 5 euros e no despacho de billetes a 7 (e co CD a 10), agás na Arca da Noe (Vilar de Santos), a Festa do Dezassete que se fai o Trece (Compostela) e o San Franco de Dornelas de Mos, onde é de balde.
O Sonoro Maxín xuntouse por primeira vez na primavera de 2007, hai xa dez anos. "Naquel tempo, sen ter nin idea de quen eramos, comezamos a asubiar as cancións que máis tarde iamos descubrir, os nosos pés botáronse a bailar uns ritmos que non coñecían, nos nosos soños apareceron xentes que nunca antes viramos. En abril de 2017 presentamos unha chea de cancións que falan dun lugar da nosa vida que leva o teu nome, baila coma ti e canta coma ti cantas.
O 7 e o 17 son dous números importantes para nós. Tamén son dous números primos. Os números primos distribúense, entre o grupo de números naturais, dun xeito que non somos capaces de percibir. Son cifras singulares que non se deixan dividir por calquera.
O 7 e o 17 son os días de feira en Ourense. Ao redor da praza de Abastos, agrúpanse, nunha distribución que semella aleatoria, o rianxo, postos de roupa, música, ferramentas, libros, calzado, remedios naturais, queixos, complementos... Todo o que che cómpre!
As músicas de “sete dezasete” nacen deste caos organizado, desta feira cambiante que non somos quen de ordear completamente. Cada día na nosa cabeza,
nos nosos pés,
no noso corazón,
na nosa vida
imaxinamos o xeito de darlle forma a tremendo desorde".
Sete Dezasete pódese mercar tamén nos seguintes puntos de venda:
VIGO: Inquedanzas Sonoras, Discos Elepe, Librería Andel, Librería Cartabón
PONTEVEDRA: Vazquez Lescaílle, Librería Paz
REDONDELA: Consorcio Editorial
A CORUÑA: Librería Sisargas, Livraría Suevia
LUGO: Don Disco, Cede
SANTIAGO: De Cotío, Merlín e Familia, Trisquel Artesanía, Bulideira, O pazo das Musas, Libraría Pedreira, Discos Fans
ALLARIZ: Aira das Letras, A tulla
FOZ: Bahía cultura e ocio
CANGAS: Librería o Pontillón, Vilafer
VILAGARCIA DE AROUSA: Carriola
MELIDE: Muxica
OURENSE: Peggy Records