Chega o Festaclown Vilagarcía 2020!
Tras máis de 20 anos de experiencia acumulada, o Festaclown afronta un novo reto cun protocolo antiCOVID que velará pola seguridade d@s asistent@s. Toda a programación trasládase á Praza da II República (diante do auditorio) e para asistir haberá que reservar entrada en http://reservas.gal/producion/festaclown/ ou na propia web do Festaclown: http://www.festaclown.gal
*As entradas que non se presenten dez minutos antes da función perderán a súa validez e o público poderá entrar ata completar aforo.
A programación deste ano ten unha clara aposta pola cultura galega, con grandes compañias como Mofa e Befa, Cía N+1, Peter Punk, SU.MA, Píscore… e incluso a estrea dunha nova compañía que dará moito que falar: Trío Detrés. Tamén contará con artistas de renome internacional como Cía Vaya ou Simone Romanó, que nos achegan dúas estreas mundiais; e artistas estatais como Albert Vinyes ou Javi Javichi, que nos amosarán o viva que continúa a tradición do pallaso e do malabarista circense.
Do 15 ao 22 de agosto Vilagarcía voltará a encherse de risas e espectáculo nunha edición que durará toda unha semana para gardar as debidas precaucións que marcan as autoridades sanitarias, e como aseguran dende a organización: “Os espectáculos e festivais están mudando coa pandemia, a nova normalidade altera a interacción co público que tanto define ao clown, pero temos experiencia e solvencia suficiente como para adaptarnos e reinventarnos sen perder a nosa esencia.”
Festaclown porá á disposición do público un espazo do festival coa maior seguridade para que o público poida gozar con toda tranquilidade.