Guadi Galego presenta Síntese Horizonte, o seu novo directo.
A cantante e compositora regresa aos escenarios galegos tras máis dun ano de ausencia cun espectáculo que presentará o 26 de xaneiro en Santiago de Compostela, o 27 de xaneiro en Ferrol e o 13 de abril en Pontevedra
As entradas para o directo Síntese Horizonte no Teatro Principal de Santiago están á venda desde hoxe, mentres que as do Teatro Principal de Pontevedra estarán dispoñibles a partir de mañá e as do Jofre nos vindeiros días
Guadi Galego regresa aos escenarios galegos co seu novo espectáculo, Síntese Horizonte, unha proposta expresamente concibida para presentar, ao vivo, sobre as táboas dos teatros de Galicia. Serán tres concertos exclusivos nos que a cantante e compositora, acompañada dunha portentosa banda, ofrecerá en tres datas: o 26 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o 27 de xaneiro no Teatro Jofre de Ferrol e o 13 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do ciclo Resoan. As entradas para a actuación de Guadi Galego en Santiago están á venda en www.compostelacultura.gal, as de Pontevedra poderanse adquirir desde mañá en www.ataquilla.com e as de Ferrol estarán dispoñibles proximamente.
Logo da Roibén (2022) e dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Se o pasado mes de setembro presentaba O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre o concepto da madurez e a aceptación da vida, de cara ao inicio do 2024 regresa con Síntese Horizonte, unha aposta da propia Guadi Galego pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido.
En Síntese Horizonte, Guadi Galego reivindica a firme crenza do poder transformador da música ao vivo. Por iso, para estes tres primeiros exclusivos directos, a artista acompañarase dunha portentosa banda conformada por grandes artistas do país, reunida especialmente para a ocasión. É o caso de Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e dun coro conformado por Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez.
A produción de Síntese Horizonte destaca, tamén, tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira -Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento), froito do traballo en común que as artistas desenvolven, desde hai meses, con Guadi Galego baixo a premisa de ofrecer ao público unha experiencia musical única e transformadora.
DATAS SÍNTESE HORIZONTE
26 de xaneiro, 20.30 horas - Teatro Principal de Santiago de Compostela
Entradas en www.compostelacultura.gal
27 de xaneiro, 20.30 horas - Teatro Jofre de Ferrol
Entradas á venda proximamente en www.ataquilla.com
13 de abril, 20.00 horas - Teatro Principal de Pontevedra. Ciclo ‘Resoan’
Entradas á venda a partir do mércores 29 en www.ataquilla.com