Estréase Nada se sabe: unha obra de teatro pioneira e única, que cuestiona o que sabemos sobre discapacidade e inclusión
- O Centro Dramático Galego e Culturactiva coproducen este espectáculo no que catro intérpretes con discapacidade dialogan co Filoctetes de Sófocles en versión de Manuel Lourenzo.
- A estrea de Nada se sabe terá lugar na 40ª Mostra de Teatro de Ribadavia, o próximo 26 de xullo ás 23 horas no Auditorio Rubén García do Castelo.
Esta mañá presentouse en Ribadavia o espectáculo Nada se sabe, a primeira obra de teatro inclusiva, impulsada polo Centro Dramático Galego xunto coa cooperativa Culturactiva. Á rolda de prensa de presentación asistiron Roberto Pascual, director da MIT, Nacho García e Fran Rei, directores escénicos de Nada se sabe, Corina Mañá, actriz, acompañados de Jacobo Sutil, director de Agadic e o alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil.
Catro intérpretes con discapacidade cuestionando sobre o escenario a inclusión e a xestión da diferencia que facemos como sociedade. Esta é a premisa da que parte Nada se sabe, unha coprodución teatral do Centro Dramático Galego e Culturactiva Producións, dirixida por Ignacio García e Fran Rei, con texto orixinal de Manuel Lourenzo.
A 40ª Mostra de Teatro de Ribadavia acollerá a estrea deste espectáculo, o 26 de xullo ás 23h no Auditorio “Rubén García” do Castelo. Sobre o escenario, catro intérpretes: Rubén Bargiela Sierpes, Corina Alfonso Mañá, Elvis García Torres e Alba Chao García. Todos eles actores e actrices con discapacidade, que dialogan coa figura clásica de Filotectes, un heroe grego apartado na Illa de Lemno a causa dunha ferida fedorenta, pero que despois será fundamental para gañar a guerra de Troia. A través deste diálogo, cuestiónase o que se sabe e o que non se sabe sobre a discapacidade, o que se entende por integración e reflexiónase sobre como a sociedade xestiona a diferencia.
Nada se sabe é unha proposta integradora no contexto teatral galego, polo tema e o elenco, pola delicada selección musical, pola mestura de linguaxes e por estar formulada como un reto dirixido á audiencia, formulado como dúbida metódica que lle dá nome ao espectáculo.
O especáculo contará con servizos de accesibilidade de diferentes tipos: visita táctil previa á función, destinada a que as persoas invidentes fagan un percorrido polos elementos físico do espectáculo, isto é, escenografía, vestiario e elenco; un servizo de audiodescrición tamén para invidentes, e interpretación en Lingua de Signos durante a función.
O espectáculo está dirixido por Ignacio García e Fran Rei. Ignacio García é un dos directores de escena máis relevantes a nivel estatal e europeo, e experto en pedagoxía do teatro. García conta cunha ampla experiencia dirixindo teatro e ópera, foi director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro entre 2017 e 2022, e adxunto á Dirección Artística do Teatro Español de Madrid de 2004 a 2009. Ademais, recibiu premios a mellor director e mellor director novo da Asociación de Directores de Escena de España e do I Certame de Creación Escénica do Teatro Real de Madrid.
Pola súa banda, Fran Rei é actor cómico, autor de guións e director teatral. Nos últimos anos ven desenvolvendo un traballo constante de integración social a través do teatro con colectivos de persoas con discapacidade, como CON ELES (Vilagarcía de Arousa), Andaina PSM (Dodro) ou AVANTE (Val do Dubra), cos que realiza obradoiros de artes escénicas e montaxes teatrais. Neste eido, destaca a obra (Algunhas) Cousas de Castelao, de Artefeito Producións e AVANTE, que xirou por diversos teatros do país, ou os espectáculos coa Asociación CON ELES, que presenta todos os anos no Festaclown Vilagarcía. É ademais promotor e coordinador do Festival das Artes pola Diversidade Brión Inclúe e colabora con otros eventos, como o Festi= A Coruña ou o Apartado Social do Festaclown Vilagarcía.