Mediarea lanza o seu novo videoclip Sebo de Ghrilo: festa e tradición en estado puro
Catro músicos, dous bailaríns e un serradoiro. Con estes elementos prende a festa do Sebo do Ghrilo, o videoclip que vén de lanzar o grupo folk Mediarea.
Sebo do Ghrilo é o nome do seu primeiro disco, estreado a primavera pasada, e é tamén o nome do tema que protagoniza este videoclip. Unha proposta festiva, coherente e de calidade, ben enraizada na música tradicional pero coa vista posta no horizonte. Melodías destinadas ao goce colectivo e que están a ser presentadas en concerto por toda Galicia cun directo impecable.
Mediarea é unha formación do Morrazo, nacida en 2019 e formada por Gael Pérez, Luís Malvido, Zé Pumar e Rodri Martínez. Unidos por un amor común pola música patrimonial galega e polo sentido da responsabilidade de contribuír á súa boa saúde e creatividade, formaron un grupo que vai gañando co tempo, coma o bo viño.
A gaita de Gael, ancorada na tradición do Morrazo pero garreando para outros rumbos, o acordeón de Pumar, aportando frescura con melodías e harmonías novas, o toque xoguetón pero preciso de Luís no bombo, a intensidade e enerxía da percusión de Rodri bebendo de moitos estilos. Xuntos presentan unha proposta impecable, cunha identidade moi marcada e un directo cheo de enerxía que garante unha auténtica festa.
Na súa traxectoria xa pasaron por numerosos escenarios, incluíndo a final do certame "Interritmos-Sons do Rural" no Náutico de San Vicente ou a Festa Folc de Vilariño.
Na primavera de 2023 publicaron o seu primeiro LP, Sebo de Ghrilo, e agora podemos gozar da orixinalidade do seu novo videoclip, realizado por Ibán Pérez e Diego Bea Besada.
O videoclip Sebo do Ghrilo pódese ver aquí