A Orquestra Bravú Xangai estrea este sábado un novo disco que fará bailar ata ao sol
A Orquestra Bravú Xangai presenta disco este sábado, 2 de marzo. ‘Os saxofóns de Occidente’ é o nome do seu novo traballo, que recolle 18 temas de puro sabor bravú mesturado coa tradición orquestral do metal galego e as formas da música popular.
A presentación terá lugar na Sala Garufa da Coruña este sábado ás 22 horas, nun concerto no que a Orquestra Bravú Xangai estará acompañada do Vacalouras de Teis. Durante este evento presentarase tamén o primeiro videoclip do disco, ‘’O Gato’. As entradas xa están á vvenda na plataforma Notikumi.
A Orquestra Bravú Xangai propón un espectáculo de gran formato, con nove músicos despregados no escenario, que proceden de formacións musicais históricas como Papaqueixos, Diplomáticos, Brassica Rapa A Magnifique Band dos Homes sen Medo. Guitarra, percusión, gaita, trompeta e saxos únense ás voces para propoñer unha música cósmica que fará bailar ao propio sol.
A Orquestra Bravú toma o seu nome do tren Xangai, que conduciu a miles de galegas e galegos cara a Barcelona, e con el queren simbolizar este encontro entre o Atlántico e o Mediterráneo. Neste disco contan coa colaboración de talentos procedentes de ambas xeografías, para propoñer trinta anos de ruta concentrada e a experiencia emocional da xeración que inventou o bravú e converteu a aldea no centro do mundo.