Sinfonía Máxica, o novo espectáculo do Mago Teto!
O Mago Teto estrea un novo espectáculo en gran formato, xunto coa Banda de Música de Salcedo. Trátase de Sinfonía Máxica, un espectáculo dirixido a público familiar, que se presentará por primeira vez no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
Sinfonía Máxica é un espectáculo no que o Mago Teto realizará quince números máxicos, mentres a Banda de Música de Salcedo, con máis de 50 intérpretes, poñerá a banda sonora desta obra en directo. Entre todos levarán ao público a un mundo de música e ilusións, onde todo é posible menos o aburrimento.
O Mago Teto ten máis de trinta anos de traxectoria ás súas costas, o que o convertiu nun dos ilusionistas máis veteranos e relevantes en Galicia. No seu último espectáculo, Rock & Magic, combina música en directo con maxia. Con Sinfonía Máxica volve a esa combinación, despregando no escenario o talento dun gran número de intérpretes para facer gozar ao público, coma nunca, dun dos magos máis talentosos do país.