Tres Pesos presenta o seu novo disco, Cantares e Contares
A banda de música tradicional Tres Pesos, composta por Pepe de Calo, Xoán Porto e Felisa Segade, presentou hoxe o seu novo disco, Cantares e contares, unha oda á transmisión oral e á idiosincrasia do pobo galego, que sae á venda esta mesma semana.
A partir da herdanza das cantigas, recibida á través da transmisión oral, o grupo incorpora 12 temas que alimentan o desexo de perdurabilidade da lingua, humor e sabedoría galegas. Doce pezas que conteñen ensinanzas e reflexións que definen o carácter da nosa sociedade, que nos conforman como galegos.
A banda Tres Pesos naceu en Compostela en 2013 da man de Felisa Segade, Pepe de Calo e Estevo Lamas. Un ano máis tarde gravaron o seu primeiro traballo, Acta fundacional, no estudo da Radio Galega, para logo dar a luz, no 2020, ao álbum De cando os animais cantaban, toda unha reivindicación da necesidade cultural dos galegos de expresarse a través da música en calquera situación da vida cotiá. Tras a retirada de Estevo Lamas e a incorporación de Xoán Porto, Tres Pesos volven aos escenarios con Cantares e contares, unha serie de cantigas para celebrar e reforzar o coidado da nosa lingua, da nosa terra.
Desde hoxe, o seu novo traballo está á venda en formato físico.